Amós 8 - Biblia SEPT1 Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé: velaquí unha canastra de froitos madurecidos; 2 e preguntoume: "Que ves ti, Amós?" Eu respondinlle: "Unha canastra de froitos madurecidos". Entón díxome Iavé: "Madureceu a fin do meu pobo Israel, xa non lle vou pasar máis por alto". 3 Naquel día laiaranse as cantantes do pazo, —oráculo do meu Señor —Iavé— amorearanse os cadáveres que esparexerán por todos os lugares ás caladas. 4 Escoitade isto, vós que asoballades o pobre e exterminades a xente humilde do país; 5 vós que dicides: "cando pasará o festivo da lúa nova para vendermos o trigo e o sábado para fornecer o gran traficando ata co salvado, para minguar a medida, aumentar o prezo e defraudar con balanza falsa, 6 para mercarmos por diñeiro o mendigo e o pobre pola débeda dun par de sandalias?" 7 Xura Iavé pola soberbia de Xacob: "Endexamais non esquecerei os seus delitos. 8 Non haberá de tremer a terra por isto e levar loito cantos nela moran? Hase erguer toda coma o Nilo, ha tremer e mirrar coma a corrente de Exipto! 9 Sucederá naquel día —oráculo do meu Señor Iavé—, farei que o sol se poña ó mediodía e entebrecerei o país en pleno día, 10 trocarei as vosas festas en loito; todas as vosas cántigas en laios; cinguirei todos os lombos de saco, deixarei toda cabeza rapada, vouno dispor coma o pranto polo vinculeiro e o remate vai ser coma o dun día amargado. 11 Velaquí chegan os días —oráculo do meu Señor —Iavé— nos que vou mandar a fame ó país; non fame de pan nin sede de auga, senón de escoitar a palabra de Iavé. 12 Vagarán de mar a mar, andarán do norte ó leste á procura da palabra de Iavé e non a atoparán". 13 Naquel día esmorecerán de sede as rapazas belidas e mais os mozos, 14 os que facían xuramento polo delito de Samaría dicindo: "Por vida do teu Deus, Dan", e "por vida da verea de Beerxeba"; caerán, e xa non se han erguer máis. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)