Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Amós 7 - Biblia SEPT

1 Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé: velaquí: estaba un a criar saltóns cando comezaba a agromar a herba tardía (esta é a herba tardía que vén despois da sega do rei);

2 e cando xa estaban para rillar a rentes toda a herba do chan, dixen eu: "Meu Señor Iavé, perdoa por favor; como se vai manter Xacob que é tan pequeno?"

3 Iavé arrepentiuse diso: "Non sucederá tal": dixo Iavé.

4 Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé: velaquí: estaba un a convocar un trebón de lume que engulipa o grande océano abisal e cando xa estaba queimada a agra,

5 dixen eu: "Meu Señor Iavé, detente, por favor; como se vai manter Xacob que é tan pequeno?"

6 Iavé arrepentiuse diso: "Tampouco non sucederá": dixo o meu Señor Iavé.

7 Velaquí o que me fixo ver o meu Señor Iavé: velaquí: estaba un a carón dun muro e tiña unha chumbada na man.

8 E Iavé preguntoume: "Que ves ti, Amós?" "Unha chumbada", respondín. E díxome entón o meu Señor: "Velaquí: vou botar a chumbada no medio do meu pobo Israel. Non lles vou transixir máis.

9 Serán arrasados os altos de Isaac. Os santuarios de Israel serán destruídos, vou atacar coa espada a caste de Ieroboam".

10 Daquela, Amasías, sacerdote de Betel, mandou recado a Ieroboam rei de Israel, dicíndolle: "Amós está a conspirar contra ti no medio e medio do casal de Israel; o país xa non pode aturar por máis tempo as cousas que di.

11 Pois, velaquí o que di Amós: Ieroboam vai morrer a espada, Israel será deportado de certo da súa terra".

12 Despois díxolle Amasías a Amós: "Vidente, vaite, fuxe para a terra de Xudá; come alí o teu pan, fai alí de profeta,

13 mais en Betel non volvas profetizar pois é santuario real, é templo nacional".

14 Respondeu Amós e díxolle a Amasías: "Nin eu son profeta, nin da caste dos profetas, xa que son gandeiro e coidador de sicómoros,

15 mais foi Iavé quen me colleu de trala grea e foi Iavé quen me dixo: vai profetizar ó meu pobo Israel.

16 E agora escoita a palabra de Iavé: Ti dis: non profetices contra Israel, non fagas agoiros contra o casal de Isaac;

17 pois velaquí o que di Iavé: A túa muller fará de prostituta en plena vila; sobre os teus fillos e fillas caerá a espada; as túas leiras partillaranse á liña, ti mesmo irás morrer en terra impura e Israel vai ser deportado dos seus eidos".

Lean sinn:



Sanasan