Amós 6 - Biblia SEPT1 "Malia os que viven no lecer en Sión, os despreocupados no monte de Samaría, a elite das primicias das nacións ós que acode a xente de Israel! 2 Ide ata Calno e ollade, de alí pasade ó Gran Hamat, baixade despois a Gat dos filisteos. Valedes vós máis ca eses reinos? É meirande o voso territorio? 3 Intentan arredar o día funesto favorecendo o dominio da violencia, 4 déitanse en leitos de marfil, vaguean nas súas camas, xantando os carneiros do rabaño e os xatos sacados da corte. 5 Cantarexan ó son da arpa e, coma novos David, inventan instrumentos. 6 Beben viño nas grandes copas e únxense coa esencia dos perfumes, mais a desfeita de Xosé non os deprime. 7 Por iso agora van partir para o exilio á cabeza dos deportados, pois rematou a esmorga dos nugalláns". —Oráculo de Iavé, Deus dos Exércitos—. 8 Xurou o Señor Iavé por si mesmo: "Dáme noxo a prepotencia de Xacob, aborrezo os seus pazos e vou entregar a cidade e canto a enche"; 9 e se nunha casa quedan dez homes, morrerán tamén; 10 e cando alguén leve un parente ou achegado para sacar da casa os ósos, diralle a quen anda polo recuncho da peza: "Quédache aínda alguén?"; e responderalle "Ninguén". Entón aquel dirá: "Cala!" (pois non se debe mencionar o nome de Iavé). 11 Porque velaquí o que Iavé ten decretado: Reducirá a casa grande a entullo e a casa pequena a faragullas. 12 Galopan os cabalos polos penedos ou árase con bois o mar? Pois vós trocades o dereito en pezoña e o froito da xustiza en asentes. 13 Os que se alegran por Lo Debar e din: "Non conquistamos Carnaim coas nosas forzas?" 14 "Velaquí, vou facer xurdir contra vós, casal de Israel —Oráculo de Iavé, Deus dos Exércitos—, un pobo que vos asoballe desde Lebó-Hamat ata o torrente do Arabah". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)