Amós 5 - Biblia SEPT1 Escoitade esta palabra, este pranto que eu entoo contra vós, casal de Israel: 2 Caeu, non rexurdirá, a doncela de Israel, tirada polo seu propio chan, non haberá quen a erga; 3 pois así di o Señor Iavé: "Vila que recrutou un milleiro, recupera cen, e a que recrutou cen, recupera dez"; 4 pois así di Iavé ó casal de Israel: "Buscádeme e viviredes". 5 Non busquedes a Betel, non vaiades a Guilgal, non vos acheguedes a Beerxeba, pois Guilgal ha de ir deportada e Betel quedará en nada. 6 Procurade a Iavé e viviredes, non vaia dar o lume no casal de Xosé e o engulipe e ninguén o apague por causa de Betel. 7 Ai dos que trocan o dereito en asentes e botan polo chan a xustiza! 8 Foi El quen fixo as Pléiadas e o Orión, quen muda as tebras en abrente e escurece o día en noite, quen convoca as augas do mar e as verte sobre a superficie da terra: Iavé é o seu nome. 9 Quen dispón a desfeita contra o forte, chegando o saqueo ata a cidadela. 10 Odian ó fiscal no tribunal, rexeitan a quen dá testemuño cumprido, 11 por iso: Xa que esmagades os foros do pobre e lle esixides tributos de trigo, se construístes pazos de perpiaño non os habitaredes, se plantastes viñas farturentas non beberedes do seu viño. 12 Ben sei eu dos vosos innumerables delitos e dos vosos enormes pecados, asoballades o honrado, aceptades de suborno que torcedes o dereito do pobre no tribunal. 13 Por iso o asisado cala neste tempo pois é un tempo cativo. 14 Buscade o ben e non o mal de xeito que vivades e Iavé, o Deus dos Exércitos, quedará convosco, segundo dicides. 15 Rexeitade o mal, amade o ben, que impere o dereito nos tribunais; quizais se considere, Iavé, Deus dos Exércitos, do resto de Xosé. 16 Por iso así di Iavé, Deus dos Exércitos, o Señor: "En todas as prazas, loito, en todas as rúas berran: Ai, ai! Chaman ó xornaleiro para o laio e para o pranto ás carpideiras 17 e en todas as viñas haberá loito cando eu pase por medio de ti": dixo Iavé. 18 Ai daqueles que devecen polo día de Iavé! Que vai significar para vós o día de Iavé? Vai ser tebra; non vai ser luz. 19 Vai ser coma cando foxe un do león e vai dar co oso; logra aínda chegar á casa, apoia a man na parede, e mórdeo a cóbrega. 20 Non vai ser acaso tebra o día de Iavé e non luz? Abofé que o seu é a escuridade e non a claridade! 21 "Aborrezo e rexeito as vosas festas, non soporto o cheiro das vosas liturxias 22 (se non é cando me ofrendades holocaustos) as vosas oblacións non me alegran, o banquete sacrificial dos vosos xatos nin o vexo. 23 Arreda de min a charanga dos teus cantos! Non estou para escoitar músicas das túas arpas. 24 O dereito é o que ten que fluír coma auga e a xustiza coma manancial perenne. 25 Acaso ofrecestes sacrificios e ofrendas no deserto durante os corenta anos, casal de Israel? 26 Levabades daquela a Sicut o voso rei e a Kiiún, imaxes vosas, a estrela dos vosos deuses, fabricados por vós mesmos? 27 Eu si, eu vouvos levar deportados alén de Damasco", dixo Iavé, que ten por nome Deus dos Exércitos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)