Amós 4 - Biblia SEPT1 Escoitade esta palabra, vacas de Baxán que morades sobre o monte de Samaría, as que asoballades os necesitados, as que esfolades os pobres, mentres lles dicides ós vosos maridos: "Botádenos de beber!" 2 Xurou o Señor Iavé pola súa santidade: "Havos chegar o tempo no que vos arrastren con adivais e o resto de vós con garfos. 3 Teredes que saír polas gretas tirando cara adiante, para serdes levadas ás partes do Hermón, —Oráculo de Iavé—. 4 Ide en romaría a Betel para pecar, ou a Guilgal, e amoreade delitos; levade de mañá os sacrificios e ó día terceiro os vosos décimos. 5 Queimade parte do levedado en acción de grazas, anunciade ben alto as ofrendas voluntarias xa que así vos peta, israelitas, —Oráculo do Señor Iavé—. 6 Eu, da miña banda, déravos dentes limpos en todas as vosas vilas e carencia de pan en todos os vosos casais, mais non volvestes a min —Oráculo de Iavé—. 7 Denegueivos a chuvia cando faltaban aínda tres meses para a colleita, fixen que chovese nunha vila si e noutra non; unha leira foi regada e outra, onde non choveu, murchou. 8 Dúas vilas e ata tres foron a tombos ata a veciña por beber auga, mais non se deron saciado e aínda así non volvestes a min —Oráculo de Iavé—. 9 Ferinvos co caruncho e coa mera , mandei a seca ós vosos hortos e viñas; as vosas figueiras e oliveiras comeunas o saltón, mais non volvestes a min —Oráculo de Iavé—. 10 Mandei sobre vós unha peste semellante á de Exipto, pasei pola espada os vosos mozos ó tempo que capturaban os vosos cabalos, fixen subir ós vosos narices o fedor do campamento, mais non volvestes a min —Oráculo de Iavé—. 11 Derrubeivos coma derrubara Deus a Sodoma e Gomorra e quedastes coma muxica saída dun incendio, mais non volvestes a min —Oráculo de Iavé—. 12 Por iso voute tratar deste xeito, Israel; e porque te vou tratar así aparéllate para o encontro co teu Deus". 13 Pois olla: Quen moldeou os montes e creou o vento, quen lle descobre ó home o que está a matinar, quen fai o abrente e mais as tebras, quen camiña sobre os lombos da terra, Iavé, Deus dos Exércitos, é o seu nome. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)