Amós 3 - Biblia SEPT1 Escoitade esta palabra que Iavé pronuncia contra vós, israelitas, contra toda a caste que fixen subir do país de Exipto: 2 "A vós sós elixín de entre as familias da terra, por iso vouvos pedir contas de todas as vosas maldades". 3 Camiñarán dous xuntos se antes non se deron cita? 4 Bramará o león no mato se aínda non ten a presa? Ergue a voz o leonciño desde a súa cova se aínda non cazou? 5 Cae o paxaro por terra se non o alcanzou a trapela? Salta a rede do chan se non pillou nada? 6 Tócase a trompeta na vila sen que o pobo se altere? Pasa unha desgraza na vila sen que Iavé a cause? 7 Abofé que o Señor Iavé nada fai sen descubrir o seu propósito ós seus servos, os profetas. 8 Berrou o león, quen non tremerá? Falou o Señor Iavé, quen non profetizará? 9 Pregoádeo nos pazos de Axdod e nos pazos do país de Exipto, dicide: xuntádevos sobre os montes de Samaría e contemplade a confusión enorme que nela impera e os asoballados no medio dela. 10 Non saben obrar rectamente —Oráculo de Iavé—. Atesouran violencia e rapina nos seus pazos. 11 Por iso así di o Señor Iavé: "Un inimigo vai cercar o país, vai abater a túa fortaleza e vai asolar os teus pazos". 12 Así di Iavé: "Como salva o pastor das fauces do león dúas patas ou un anaco de orella, dese xeito hanse salvar os israelitas que moran en Samaría, coma un pé de diván ou un cabezal de leito. 13 Escoitade e sede as miñas testemuñas contra a casa de Xacob —Oráculo do Señor Iavé, Deus dos Exércitos—. 14 Pois o día no que eu faga contas con Israel polos seus delitos, hei de pasar tamén revista ós altares de Betel, daquela serán tronzados os cornos do altar e caerán por terra. 15 Derrubarei a residencia de inverno xunto coa residencia de verán hanse arruinar as casas de almafí, afundiranse innumerables construcións" —Oráculo de Iavé—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)