Amós 2 - Biblia SEPT1 Así di Iavé: "Por causa de tres delitos de Moab e mais por catro non me hei domear: Por queimar os ósos do rei de Edom ata volvelos cal, 2 heille meter lume a Moab ata que engulipe os pazos de Queriiot, e morrerá con estrondo Moab entre o balbordo, ó son do corno; 3 exterminarei do seu medio o gobernante e xunto con el matarei a todos os seus ministros": dixo Iavé. 4 Así di Iavé: "Por causa de tres delitos de Xudá e mais por catro non me hei de domear. Por rexeitar a lei de Iavé e non observar os seus mandatos, xa que os seus falsos deuses os extraviaron, eses tralos que xa correran seus pais, 5 heille meter lume a Xudá ata que engulipe os pazos de Xerusalén". 6 Así di Iavé: "Por causa de tres delitos de Israel e mais por catro non me hei domear: Por venderen o honrado por diñeiro e o necesitado pola débeda dun par de sandalias. 7 Refregan contra o po a cabeza dos mendigos e desviaron o vieiro dos pobres; pai e fillo xúntanse coa mesma moza para profanar o meu santo nome; 8 estran o leito con roupas collidas en prenda a carón dun altar calquera, beben viño cos cartos requisados no templo do seu deus. 9 Cando fora eu o que exterminara por causa deles os amorreos, que eran altos coma cedros e fortes coma carballos, destruíndo o seu froito por riba e as súas raiceiras por baixo. 10 Eu fíxenvos subir desde o país de Exipto guiándovos pola estepa corenta anos para darvos en posesión a terra dos amorreos; 11 fixen xurdir profetas de entre os vosos fillos e nazireos de entre os vosos mozos, non si, israelitas? —Oráculo de Iavé—. 12 E vós, en troques, fixestes beber viño ós nazireos e ordenastes ós profetas: Non profeticedes! 13 Pois, velaquí, eu vou facer regos no chan debaixo vosa coma os que fai un carro ateigado de monllos. 14 Daquela non vai poder fuxir o áxil, nin a forza sosterá ó forte nin o soldado de vangarda salvará a vida; 15 o arqueiro non se vai ter en pé, o de pés lixeiros non escapará nin o que vai de a cabalo salvará a vida; 16 o máis valente de entre os paladíns fuxirá espido naquel día" —Oráculo de Iavé—. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)