Abdías 1 - Biblia SEPTOráculo introdutorio de castigo 1 Visión de Abdías. Así lle di a Edom o meu Señor, Iavé: Oímos unha mensaxe da parte do Señor, un mensaxeiro que foi enviado ás nacións: "Arriba! Poñámonos en pé de guerra contra Edom!" Oráculo de castigo contra Edom 2 Velaí: convértote no máis pequeno dos pobos, e ben desprezable serás ti, 3 pois seduciute o orgullo dos teus propósitos. Edom mora no refuxio da Pedra, vive na altura pensando para os seus adentros: "Quen me fará baixar ó Abismo?" 4 Pois aínda que subas coma unha aguia, e poñas o teu niño entre as estrelas, fareite baixar de alá —é o Señor quen fala—. Ruína de Edom a mans dos seus aliados 5 Se entrasen en ti ladróns, non che roubarían todo o que lles é preciso? Se che entrasen os salteadores da noite, non serías totalmente destruída? Se entrasen en ti os vendimadores, non che deixarían sen un acio? 6 Como son pescudados os descendentes de Esaú, e rebuscados os seus tesouros! 7 Fante recuar ata a túa fronteira todos os homes que fixeron alianza contigo, engánante e pódenche; a xente que goza en paz da túa fartura devórate, pon lazos debaixo de ti. Non hai en Edom nin miga de intelixencia! Causas desta ruína: a soberbia e a traizón ós seus irmáns 8 Pero o día aquel ——é o Señor quen fala—— acaso non farei desaparecer os sabios de Edom, e a intelixencia da montaña de Esaú? 9 Estarrecerán os teus valentes, Temán, desaparecerán todos da montaña de Esaú. Por causa do asasinato 10 e da violencia contra o teu irmán, Xacob, a vergonza cubrirate e desaparecerás para sempre. 11 O día en que lle mantiñas a súa oposición, cando estranxeiros levaban cativo o seu exército, e cando estraños entraban polas súas portas e botaban sortes sobre Xerusalén, tamén ti eras coma un deles. O mesmo que fixeches con Xudá farache o Señor a ti 12 Non olles con agrado para o día de teu irmán, para o día da súa desgraza. Non te alegres dos fillos de Xudá o día do seu desastre, non abras demasiado a túa boca o día da súa angustia. 13 Non entres pola porta do meu pobo o día da súa calamidade, non olles tampouco ti para o seu mal o día da súa calamidade. Por favor non mandes coma escravos ó teu territorio nada do seu exército o día da súa calamidade. 14 Non te plantes nas encrucilladas dos camiños para acabar cos seus fuxidos, non vendas os que queden o día da angustia. 15 Porque está preto o día do Señor contra todos os pobos: o mesmo que fixeches, faracho El a ti, o teu merecido volverá á túa cabeza. O día do Señor será salvífico para Israel e de castigo para Edom 16 O mesmo que bebestes da miña ira sobre o monte do meu santuario, así beberán da miña ira todos os pobos por quenda; si, beberán e sorberán, e serán coma se non fosen. 17 Pero no monte de Sión haberá supervivencia o monte será santuario, a casa de Xacob recobrará a súa herdanza, 18 A casa de Xacob será lume, a casa de Xosé, labarada, e a casa de Esaú servirá de estopa, que prenderá neles e consumiraos, e non haberá sobrevivente da casa de Esaú. Si!, díxoo o Señor. Extensión do reino do Señor 19 A casa de Xacob e a casa de Xosé posuirán o Négueb, a montaña de Esaú e mais as Terras Baixas, o territorio dos filisteos; tamén posuirán os campos de Efraím e os campos de Samaría, Benxamín e Galaad. 20 Os deportados, ese exército de fillos de Israel, perseguirán ós cananeos ata Sarpat, e os deportados de Xerusalén que viven en Sefarad posuirán as cidades do Négueb, 21 e subirán, liberadores, ó monte Sión, para gobernar nas montañas de Esaú. Entón o reino será para o Señor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)