2 Timoteo 4 - Biblia SEPTExhortación a Timoteo e anuncio da propia morte 1 E pídoche por favor unha cousa diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: 2 pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina. 3 Porque virán tempos nos que non escoitarán a verdadeira doutrina, senón que, conforme os seus caprichos, amorearán mestres que lles agarimen os oídos. 4 Afastaranse de escoitar a verdade e extraviaranse polo terreo dos mitos. 5 Ti, en troques, mantente sobrio en todo, soporta o mal, fai obra de evanxelista, cumpre ben o teu servizo. 6 Porque a min xa me falta pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar. 7 Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. 8 O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día. E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa. Consellos persoais 9 Prepárate para vires onda min axiña, 10 porque Dimas me plantou preferindo o mundo presente e foise para Tesalónica; Crescente, para Galacia; e Tito, para Dalmacia. 11 Só Lucas está comigo. Recolle a Marcos e tráeno contigo, que me cómpre moito para o ministerio. 12 A Tíquico mandeino a Éfeso. 13 Cando veñas, tráeme o capote que deixei en Tróade onda Carpo, e mailos libros, maiormente os pergamiños. 14 Alexandro, o ourive, fíxome moito mal: o Señor halle dar o pago do que fixo. 15 Ti, moito ollo tamén, porque fixo moito contra as nosas palabras! 16 Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron. Que Deus llelo perdoe! 17 Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. 18 O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén. Derradeiros saúdos 19 Dálles saúdos a Prisca, a Aquila e á familia de Onesíforo. 20 Erasto quedou en Corinto, a Trófimo deixeino en Mileto. 21 Apura para te vires antes do inverno. Mándanche saúdos Éubulo, e Pudente, Lino e Claudia e todos os irmáns. 22 O Señor acompañe o teu espírito. A graza vaia convosco. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)