Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Timoteo 3 - Biblia SEPT


Os homes dos tempos derradeiros

1 Ten ben sabido isto: que nos días derradeiros haberá intres difíciles.

2 A xente volverase egoísta, avariciosa, fachendosa, presumida, maldicente, mal guiada cos seus pais, sen caridade, impía,

3 desamorada, falsa, calumniadora, arrogante, ríspeta, inimiga do bo,

4 traicioneira, temeraria, foncha, máis amante do pracer ca de Deus;

5 terá aparencia de piedade, pero renegará da verdadeira forza da mesma. Ti con xente desa non te xuntes.

6 Porque destes son os que se meten nas casas e engaiolan as mulleriñas ateigadas de pecados e empurradas por moitas castes de paixóns,

7 que están sempre aprendendo pero que non dan chegado ó coñecemento da verdade.

8 E da mesma maneira que Ianne e Iambrés se arrepuxeron contra Moisés, así tamén estes se arrepoñen contra verdade: homes de mente estragada, réprobos na fe.

9 Pero non avantarán moito, porque a súa insensatez será manifesta a todos, como o foi a daqueles.


Tarefa dura de Timoteo

10 Ti, en troques, seguíchesme a min na doutrina, no xeito de vida, nos meus plans, na fe, na paciencia, na caridade, na resistencia

11 ás persecucións e ós sufrimentos (como os que aturei en Antioquía, en Iconio, en Listra). Que grandes persecucións soportei e de todas me librou o Señor!

12 E tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución.

13 Homes ruíns e sedutores irán de mal en peor, enganadores e enganados.

14 Ti mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu.

15 Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che facer saber o camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.

16 Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza.

17 Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa.

Lean sinn:



Sanasan