Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Timoteo 2 - Biblia SEPT


O bo soldado de Cristo

1 Polo tanto, ti, meu fillo, faite forte coa graza que hai en Cristo Xesús.

2 E todo o que me escoitaches en presenza de tanta xente, propónllelo ti a homes de confianza que sexan capaces de llelo ensinaren a outros.

3 Comparte os meus traballos coma un bo soldado de Cristo Xesús.

4 Ningún soldado en activo se deixa enguedellar nos negocios da vida, se quere compracer ó que o alistou.

5 E a ningún atleta lle dan o premio se non compite conforme ás regras atléticas.

6 Pero o labrego que traballa é o primeiro que ten dereito a participar dos froitos.

7 Entende ben o que che digo, pois o Señor hache dar entendemento en todo.

8 Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David. Este é o meu Evanxeo,

9 polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada.

10 Por iso soporto todas as cousas por mor dos escolleitos, para que tamén a eles lles toque en sorte a salvación que vén de Cristo Xesús, coa gloria eterna.

11 Esta é unha gran verdade: Se morremos con el, tamén viviremos con el.

12 Se padecemos con el, tamén reinaremos con el. Se renegamos del, tamén el renegará de nós.

13 Pero se fallamos na fe, el permanece fiel, porque non pode renegar de si mesmo.


Gardarse dos falsos mestres

14 Failles diario o acordo disto, amoestándoos diante de Deus, para que non discutan sobre palabras: que iso non vale para nada máis que para botar a perder ós que escoitan.

15 Esfórzate por presentarte grato a Deus: coma un traballador que non ten de que se avergonzar, xa que reparte a palabra da verdade.

16 Evita leriar en van; os que se deixan levar van sempre a máis na impiedade.

17 As súas palabras son coma a gangrena. Destes son Himeneo e Fíleto,

18 que se extraviaron da verdade, dicindo que a resurrección xa aconteceu, e botaron a perder a fe dalgúns.

19 Con todo, os cimentos sólidos de Deus mantéñense rexos, e teñen o selo seguinte: O Señor coñece ós que son del; e: "afástese da inxustiza todo o que invoca o nome do Señor".

20 Nunha casa grande non hai soamente vaixelas de ouro e de prata, hainas tamén de madeira e de barro; e unhas son para uso nobre e outras para uso menos nobre.

21 Polo tanto, se un se limpa destas cousas, será un utensilio honorable, santificado, útil para o dono, axeitado para todo uso bo.

22 Fuxe das paixóns da mocidade e procura a xustiza, a fe, o amor e a paz con tódolos que invocan o Señor cun corazón limpo.

23 Evita as discusións parvas e as controversias testalanas, que xa sabes que xeran loitas:

24 en quen serve ó Señor non di ben a contenda, senón o ser manso con todos, hábil para o ensino, tolerante;

25 con moito xeito para educar os que sosteñen doutrinas contrarias: quizais lles dea Deus a conversión para o coñecemento da verdade,

26 e para se desenguedellaren das trapelas de Satán, que os ten apreixados vivos para que lle fagan o que el quere.

Lean sinn:



Sanasan