Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Tesalonicenses 3 - Biblia SEPT


Consellos e avisos

1 Polo demais, irmáns, rogade por nós, para que a mensaxe do Señor se difunda e se acolla con honor como pasou entre vós,

2 e deste xeito nos vexamos libres da xente descamiñada e perversa: pois a fe non a teñen todos.

3 Pero o Señor é fiel e afincaravos e protexeravos do Malo.

4 Tocante a vós, fiámonos no Señor de que estades facendo e de que continuaredes a facer canto vos temos mandado.

5 Que o Señor encamiñe os vosos corazóns ó amor de Deus e á paciente espera do Cristo.

6 Irmáns: no nome do Señor Xesús Cristo, mándovos que vos arrededes de calquera irmán que leve unha vida lacazana e non conforme á ensinanza que recibistes de nós.

7 Pois ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito

8 nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós.

9 Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar,

10 e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco non coma.

11 Porque chegou ós nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais.

12 A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo e que coman o seu propio pan.

13 E vós, irmáns, non cansedes de facer o ben.

14 Agora, se algún non obedece a mensaxe desta carta, sinaládeo e non vos xuntedes con el, para que se avergonce.

15 Non digo que o tratedes coma inimigo; senón que o corrixades coma irmán.


Despedida e firma

16 Que o Señor da paz vos dea a paz decote e de todos os xeitos. Que o Señor vaia con todos vós.

17 O saúdo vai da miña propia man: Paulo. É contrasinal en todas as cartas. Así escribo.

18 Que a graza do noso Señor Xesús Cristo vos acompañe.

Lean sinn:



Sanasan