Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Tesalonicenses 2 - Biblia SEPT


O impío e a súa aniquilación

1 Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos, irmáns,

2 que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.

3 Que ninguén vos trabuque de ningún xeito. Porque primeiro ten que vir a apostasía e manifestarse o impío por excelencia, a perdición en persoa;

4 Aquel que se opón e se levanta contra todo o que se chame Deus ou que sexa digno de culto, ata chegar a sentarse el no templo de Deus, proclamando que el mesmo é Deus.

5 Non vos acorda que, cando aínda estaba convosco, xa volo dicía?

6 E agora xa sabedes qué é o que o detén, para que se mostre unicamente no seu preciso tempo.

7 Pois a misteriosa iniquidade xa está actuando; só cómpre que lle quiten do medio a quen a detén.

8 E daquela mostrarase o Impío, a quen o Señor matará co sopro da súa boca e aniquilará co resplandor da súa Vinda.

9 A vinda dese Impío será obra de Satán, será con poder, con portentos e con prodixios trapalleiros,

10 e con toda a sedución que exerce a inxustiza en cantos se han de perder, por non acolleren o amor da verdade que os ía salvar.

11 E por iso mándalles Deus unha forza enganadora, para que crean na falsidade,

12 e así se condenen todos os que non creron na verdade senón que se deleitaron na sedución.


Mantédevos agradecidos e animosos

13 Pero por vós, irmáns benqueridos do Señor, debémoslle dar grazas sempre ó Señor porque desde o comezo escolleuvos Deus para salvarvos santificándovos co Espírito e dándovos fe na verdade.

14 Para iso chamouvos polo noso Evanxeo, de xeito que logredes a gloria do noso Señor Xesús Cristo.

15 Polo tanto, irmáns, mantédevos rexos e retede ben as ensinanzas que vos aprendemos tanto de palabra coma por carta.

16 E que o mesmo Señor noso Xesús Cristo e mais Deus, o noso Pai, que nos amou e que nos deu gratuitamente azos duradeiros e boa esperanza,

17 vos dea ánimos e vos afinque en toda obra e palabra boa.

Lean sinn:



Sanasan