2 Samuel 6 - Biblia SEPTA arca en Xerusalén 1 David reuniu outra vez o máis escolleito de Israel, trinta mil homes, 2 e con toda esa xente foi a Baalá de Xudá, para traer de alí a arca de Deus, o que leva o nome de Señor dos exércitos, que se senta na arca enriba dos querubíns. 3 Puxeron nun carro novo a arca de Deus e sacárona da casa de Abinadab, que estaba no outeiro. Guiaban o carro Uzá e Ahió, fillos de Abinadab. 4 O sacaren a arca de Deus da casa de Abinadab, no outeiro, Ahió ía diante da arca. 5 Tamén David e todo Israel ían diante do Señor, facendo festa con todas as súas forzas, ó son de harpas e de cítolas, de pandeiros, de sistros e de címbalos. 6 Chegados á aira de Nacón, Uzá botoulle a man á arca de Deus para sostela, pois espantáranse os bois. 7 O Señor anoxouse contra Uzá e feriuno alí mesmo de morte ó pé da arca de Deus. 8 David enrabexouse polo golpe que o Señor dera a Uzá e a aquel lugar quedoulle o nome de Golpe de Uzá ata hoxe. 9 Aquel día David colleulle medo ó Señor e pensou: —"Como vai vir á miña casa a arca do Señor?" 10 E non quixo levar canda el, á cidade de David, a arca do Señor, senón que a fixo trasladar á casa de Obededom de Gat. 11 A arca estivo tres meses na casa de Obededom de Gat e o Señor bendiciu a Obededom e á súa familia. 12 Contáronlle a David: —"O Señor está bendicindo a Obededom e a todo o seu por mor da arca de Deus". Entón fixo David subir en festa a arca do Señor da casa de Obededom á cidade de David. 13 Cada seis pasos que daban os portadores da arca do Señor, sacrificaban un boi e un becerro. 14 David danzaba con todas as forzas diante do Señor, cinguido co efod de liño. 15 Así foi como David e todo Israel levaron a arca do Señor, entre aclamacións e soar de trompetas. 16 Cando a arca do Señor entraba na cidade de David, Micol, filla de Xaúl, axexaba pola fiestra, viu como o rei David ía brincando e danzando diante do Señor e sentiu desprezo por el. 17 Logo puxeron no seu sitio a arca do Señor meténdoa dentro da tenda que David lle preparara. Despois ofreceu David holocaustos e sacrificios de comuñón diante do Señor. 18 En acabando cos sacrificios, David bendiciu ó pobo no nome do Señor dos exércitos. 19 Despois repartiulle a toda a xente, a cada home e muller da xente de Israel, unha bica de pan, unha tallada de carne e unha torta de pasas. A fin marcharon todos, cada un para a súa casa. 20 Cando volvía David para bendicir tamén a súa familia, saíulle ó encontro Micol, filla de Xaúl, e díxolle: —"Como se cubriu de gloria hoxe o rei de Israel, espíndose á vista das criadas e dos seus serventes, como se espiría un calquera!" 21 David respondeulle a Micol: —"Brinquei diante do Señor, que me preferiu ó teu pai e a toda a túa familia e que me elixiu como xefe do pobo do Señor. Farei festa diante do Señor, 22 Anque me rebaixe aínda máis e che pareza desprezable; honraranme esas criadas de que falas". 23 Micol, filla de Xaúl, non tivo máis fillos en toda a súa vida. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)