2 Samuel 5 - Biblia SEPTDavid, rei de Israel 1 Todas as tribos de Israel foron a Hebrón, xunto a David, para dicirlle: —"Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. 2 Xa de antes, cando Xaúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás o meu pobo Israel, ti serás o seu xefe". 3 Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel. 4 David tiña trinta anos cando empezou a reinar e reinou corenta anos. 5 En Hebrón reinou sobre Xudá sete anos e medio; en Xerusalén reinou trinta e tres anos, sobre Israel e Xudá. Conquista de Xerusalén 6 O rei marchou cos seus homes sobre Xerusalén contra os habitantes daquel país, os iebuseos. Eles tíñanlle dito a David: —"Non poderás entrar aquí; rexeitarante os cegos e os coxos". Con iso querían dicir: "David non poderá entrar aquí". 7 Pero David conquistou a fortaleza de Sión, que se converteu na cidade de David. 8 Aquel día David dixera: —"Quen queira combater os iebuseos, que se achegue polo túnel. A eses coxos e a eses cegos aborréceos David". De aí saíu aquel dito: nin cego nin coxo entre no templo. 9 David instalouse na fortaleza e chamoulle cidade de David. David edificou ó redor dela desde o Miló para dentro. 10 David medraba cada vez máis. O Señor, Deus dos exércitos, estaba con el. 11 Hiram, rei de Tiro, mandoulle unha embaixada a David, con madeiras de cedro e con carpinteiros e canteiros, para que construísen o pazo de David. 12 David comprendeu que o Señor o confirmaba por rei de Israel e que por mor do seu pobo Israel engrandecía o reino. 13 Despois de que veu de Hebrón, David tomou en Xerusalén outras concubinas e outras mulleres. Delas nacéronlle a David máis fillos e máis fillas. 14 Os nomes dos fillos que tivo en Xerusalén son Xamá, Xobab, Natán e Salomón, 15 Ibhar, Elixúa, Nafeg e Iafía, 16 Elixamá, Eliadá e Elifélet. Guerras cos filisteos 17 Souberon os filisteos que David fora unxido rei de Israel e, ó momento, subiron en busca del. David, ó ter a noticia, baixou á súa fortaleza. 18 Os filisteos viñeron e espalláronse polo val de Refaím. 19 David consultou o Señor: —"Subirei contra os filisteos? Poralos nas miñas mans?" O Señor respondeulle: —"Sube. Entregareinos, seguro, nas túas mans". 20 David foise a Baal Perasim e alí venceunos, e comentou: —"O Señor abriu unha fenda nos meus inimigos diante miña, coma a fenda que abren as augas". Por iso chamóuselle a aquel lugar Baal Perasim. 21 Os filisteos abandonaron alí os seus ídolos e colléronos David e os seus homes. 22 Os filisteos volveron á contenda, despregándose polo val de Refaím. 23 David consultou o Señor, que lle respondeu: —"Non subas. Dá a volta por detrás deles e atácaos do lado das moreiras. 24 Cando sintas ruído de pasos nas copas das moreiras, ataca con decisión, pois é que sae o Señor diante de ti, para derrotar o exército filisteo". 25 David fixo como lle mandaba o Señor, e derrotou os filisteos desde Gueba ata a entrada de Guézer. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)