2 Samuel 24 - Biblia SEPTO censo e a peste 1 O Señor anoxouse outra vez con Israel e encirrou a David para o seu castigo, dicíndolle: —"Anda, fai un censo de Israel e de Xudá". 2 O rei mandoulle a Ioab, xefe do exército que ía con el: —"Percorre todas as tribos de Israel, desde Dan a Beerxeba, e fai o censo da poboación, para saber canta xente teño". 3 Ioab respondeulle ó rei: —"Multiplique o Señor, o teu Deus, por cen a túa xente e que os ollos do rei, meu señor, o poidan ver. Pero para que quere o rei, meu señor, facer ese censo?" 4 A palabra do rei prevaleceu sobre o parecer de Ioab e dos xenerais do exército e estes saíron de onda o rei para facer o censo da poboación de Israel. 5 Atravesaron o Xordán e comezaron por Aroer, ó sur da cidade que está no medio da valgada, e dirixíronse a Gad e a Iazer. 6 Chegaron a Galaad e ó país dos hititas en Cadex. Logo foron a Dan e de alí deron a volta cara a Sidón. 7 Entraron despois na praza forte de Tiro e nas cidades dos hivitas e dos cananeos, e, por fin, baixaron ó sur de Xudá e a Beerxeba. 8 Percorreron todo o país e, ó cabo de nove meses e vinte días, volveron a Xerusalén. 9 Ioab entregoulle ó rei o resultado do censo. En Israel había oitocentos mil homes para cinguir a espada; en Xudá había cincocentos mil. 10 A David batíaselle o corazón porque fixera o censo do pobo e díxolle ó Señor: —"Cometín un grave pecado co que fixen. Agora perdoa a iniquidade do teu servo, pois fixen unha loucura". 11 Cando David se ergueu pola mañá, o profeta Gad, vidente de David, tivera palabra do Señor: 12 —"Vai e dille que así fala o Señor: propóñoche tres cousas: elixe unha delas, que a vou realizar". 13 Gad presentouse onda David e anuncioulle: —"Prefires que veñan sobre o país sete anos de fame, ou ter que saír fuxindo por tres meses perseguido polos teus inimigos, ou que haxa tres días de peste na túa terra? Pensa e mira o que lle debo responder ó que me envía". 14 David díxolle a Gad: —"Véxome nun gran apuro. Pero prefiro caer nas mans do Señor, que é grande e misericordioso, e non caer nas mans dos homes". 15 Entón mandou o Señor unha peste sobre Israel desde aquela mañá ata o prazo fixado. Desde Dan a Beerxeba morreron setenta mil homes do pobo. 16 Cando o anxo alongaba a man cara a Xerusalén, para destruíla, arrepentiuse o Señor do castigo e díxolle ó anxo exterminador: —"Abonda xa! Detén a túa man!" O anxo do Señor atopábase entón onda a eira de Araunah o iebuseo. 17 Vendo David como o anxo mataba a xente do pobo, díxolle ó Señor: —"Mira que son eu o que pecou; eu teño a culpa. Pero este rabaño que culpa ten? Descarga a túa man sobre min e sobre a miña familia". 18 Aquel mesmo día Gad foi onda David e díxolle: —"Vai e edifícalle ó Señor un altar na eira de Araunah o iebuseo". 19 David fixo o que Gad lle dicía seguindo as ordes do Señor. 20 Cando viu Araunah que o rei e os seus serventes camiñaban cara a el, saíu e saudounos, prostrándose polo chan. 21 Araunah dixo: —"Como o rei, meu señor, vén onda o seu servo?" E David respondeulle: —"Veño mercarche a eira para edificar nela un altar ó Señor, para que a praga se afaste do pobo". 22 Araunah díxolle a David: —"Tómaa, rei, meu señor, e ofrece nela o que queiras. Velaí os bois para o holocausto, e os trillos e xugos para leña". 23 Araunah dáballe ó rei iso todo, agoirándolle: "Que o Señor, o teu Deus, che sexa propicio". 24 Pero o rei díxolle a Araunah: "Non; mercareicho, pagándoche o seu prezo, pois non quero ofrecerlle ó Señor, o meu Deus, holocaustos que nada me custaron". E David mercoulle a eira e mais os bois por cincuenta siclos de prata. 25 David edificoulle alí un altar ó Señor e ofreceu holocaustos e sacrificios pacíficos. O Señor compadeceuse do país e a praga afastouse de Israel. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)