2 Samuel 23 - Biblia SEPT1 Estas son as derradeiras palabras de David: —"Oráculo de David, fillo de Ixaí, oráculo do home encomiado, do unxido do Deus de Xacob, do modulador das cántigas de Israel. 2 O espírito do Señor fala por min, a súa palabra está na miña lingua. 3 O Deus de Israel faloume, a rocha de Israel díxome: O que goberna os homes con xustiza o que goberna co temor de Deus, 4 é coma a luz da mañá, ó nacer o sol, coma a mañá limpa de néboa, cando, despois da choiva, brilla o céspede na terra. 5 Non é así coa miña casa, na presenza de Deus? Xa que El fixo comigo un pacto eterno, ben ordenado e gardado, non me dará El a vitoria e fará florecer as miñas arelas? 6 Mais os perversos son coma cardos que se tiran e que ninguén colle coa súa man. 7 Cando alguén se lles achega, vai armado de ferro ou pau de lanza para botalos no lume e que se queimen". Heroes de David 8 Estes son os nomes dos heroes de David: Ixbaal o hacmonita, o primeiro dos tres, que brandiu a machada e matou oitocentos homes nun combate. 9 Despois del, Elazar, fillo de Dodó o ahohita, un dos tres heroes que estaban con David, cando desafiaron ós filisteos que se reuniran alí para o combate. Cando os de Israel se retiraban, 10 foi el e matou filisteos ata que a man se lle cansou e lle quedou o puño apegado a espada. Aquel día concedeulle o Señor unha gran vitoria a Israel. O exército volveu onda Elazar, só para coller os despoxos. 11 Seguíalle Xamá, fillo de Agué, de Harar. Concentrándose os filisteos en Lehí, onde había un agro todo sementado de lentellas, o exército israelita fuxiu de diante deles. 12 Entón chantouse Xamá no medio do agro, defendeuno e combateu ós filisteos. Foi unha grande vitoria que o Señor lle concedeu. 13 O comezo da seitura, tres dos trinta baixaron onda David á cova de Adulam, ó tempo que un corpo de filisteos acampaba no val de Refaím. 14 David atopábase, daquela, no refuxio, mentres unha unidade de filisteos estaba destacada en Belén. 15 David sentiu sede e dixo: —"Quen me dera auga do pozo que hai onda a porta de Belén!" 16 De contado os tres heroes irromperon no campamento filisteo, foron coller auga do pozo que hai onda a porta de Belén e leváronlla a David. David non a quixo beber, senón que a verteu en libación ó Señor. 17 Dixo: —"Lonxe de min, Señor, facer tal cousa! É o sangue dos homes que expuxeron as súas vidas". E non quixo bebela. Iso foi obra dos tres heroes. 18 Abixai, irmán de Ioab, fillo de Seruiah, era o xefe dos trinta. Brandindo a súa lanza contra trescentos homes, gañou un nome entre os trinta. 19 Era o de máis sona entre os trinta, que o fixeron o seu xefe. Pero non se igualou ós tres. 20 Benaías, fillo de Iehoiadá, de Cabseel, home valente, autor de grandes fazañas, foi quen matou a dous moabitas, fillos de Ariel, e quen un día de neve entrou na tobeira dun león e matouno alí. 21 Foi tamén el quen matou a un exipcio moi forzudo e que tiña unha lanza na man. Benaías acercouse a el cun caxato, ripoulle a lanza da man e matouno con ela. 22 Estas cousas fíxoas Benaías, fillo de Iehoiadá, que se labrou un nome entre os trinta campións. 23 Distinguiuse entre os trinta, pero non se igualou ós tres. David fíxoo xefe da súa escolta. 24 Asael, irmán de Ioab, era un dos trinta. Figuraban entre os trinta: Elhanán, fillo de Dodó, de Belén; 25 Xamah, o de Harod; Elicá, o de Harod; 26 Heles, o peleteo; Irá, fillo de Equex, de Tecoa; 27 Abiézer, de Anatot; Sibecai, de Huxah; 28 Salmón, o ahohita; Mahrai, de Netofah; 29 Héleb, fillo de Baanah, de Netofah; Itai, fillo de Ribai, de Guibah de Benxamín; 30 Benaías, de Piratón; Hidai, dos vales de Gaax; 31 Abialbón, de Arabah; Azmávet, de Bahurim; 32 Eliahbá, de Xaalbón; Iaxén, de Nun; 33 Iehonatán, fillo de Xamah, de Harar; Ahiam, fillo de Xarar, de Arar; 34 Elifélet, fillo de Ahasbai, de Bet Macah; Eliam, fillo de Ahitófel, de Guiló; 35 Hesrai, de Carmel; Parai, de Arab; 36 Igal, fillo de Natán, de Sobah; Baní, de Gad; 37 Sélec, o amonita; Nahrai, de Beerot, escudeiro de Ioab, fillo de Seruiah; 38 Irá, de Iatir; Gareb, de Iatir; 39 Urías, o hitita. En total, trinta e sete. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)