Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 22 - Biblia SEPT


Salmo real

1 O día en que o Señor o librou do poder dos seus inimigos e das mans de Xaúl, David entooulle este canto ó Señor.

2 —"Señor, miña rocha, meu castro e meu refuxio;

3 meu Deus, penedo onde me acollo, meu escudo, meu salvador, meu tobo, meu recanto, que me libras da violencia.

4 Eu invoco o Señor, o adorable, e dos meus inimigos serei salvo.

5 Cando as ondas da morte me rodean e as correntes do averno me atropelan;

6 cando me cinguen as cordas do abismo e os lazos da morte me sorprenden,

7 no apuro invoco o Señor e chamo polo meu Deus, e El escoita a miña voz desde o seu santuario, o meu clamor chega ós seus oídos.

8 A terra conmóvese e treme, os fundamentos do ceo estremecen, tremen por mor da túa ira.

9 Do seu nariz sobe o fume, de todo el carbóns acesos.

10 Abaixa os ceos e descende, con mestas nubes debaixo dos seus pés.

11 A cabalo dun querubín voa subido nas ás do vento.

12 Das tebras fai a súa tenda, envolto en escuras augas e en néboa mesta.

13 Co relampo da súa presenza acéndense chispas de lume.

14 O Señor trona desde o ceo, o Altísimo fai resoar a súa voz.

15 Dispara as súas frechas e dispérsaos, cos seus lóstregos entoléceos.

16 O leito do mar queda á vista, os alicerces do mundo ó descuberto, diante da ameaza do Señor, polo bafo da súa ira.

17 Desde o ceo alonga el a man para collerme, para tirarme das augas caudalosas.

18 Líbrame de inimigos poderosos, de adversarios máis fortes ca min.

19 O día da miña desgraza eles atácanme, pero o Señor é o meu amparo,

20 quen me saca a campo aberto e me salva, porque me ama.

21 O Señor retribúeme, segundo a miña rectitude e conforme a pureza das miñas mans.

22 Eu gardo, certamente, os camiños do Señor e non son rebelde ó meu Deus.

23 Teño as súas decisións sempre presentes e non me arredo dos seus preceptos.

24 Son sincero diante del e gárdome do pecado.

25 O Señor retribúeme segundo a miña rectitude e conforme a miña pureza ós seus ollos.

26 Co piadoso móstraste piadoso e co enteiro es ti enteiro.

27 Co puro móstraste puro e co renarte es ti retorto.

28 Ti salvas a xente humilde e abaixas os soberbios.

29 Ti es, Señor, a miña candea, o Señor aluma as miñas tebras.

30 Contigo podo correr tras dunha tropa, co meu Deus podo atacar unha muralla.

31 A conduta do Señor é perfecta, a súa palabra, acrisolada, un escudo para cantos a El se acollen.

32 Que Deus hai, fóra do Señor? Quen é unha rocha, fóra do noso Deus?

33 El é o Deus que me cingue de forza, o que fai dereito o meu camiño.

34 El fai os meus pés coma os dos cervos e mantenme en pé nos outeiros;

35 El adestra para a loita as miñas mans, os meus brazos para tensar arco de bronce.

36 Ti préstasme o teu escudo salvador, a túa bondade engrandéceme.

37 Ti alongas os meus pasos e non deixas tremer os meus nocellos.

38 Perseguirei os meus inimigos, desbaratareinos, non volverei, ata acabar con eles.

39 Destruireinos, esmagareinos, de xeito que non poidan refacerse, caídos debaixo dos meus pés.

40 Ti cínguesme de forza para o combate e dobras debaixo de min os meus contrarios.

41 Ti entrégasme os meus inimigos polas costas, para que eu poida abater os que me abouxan.

42 Piden eles axuda e ninguén os axuda, chaman polo Señor, pero El non lles responde.

43 Heinos moer, coma o po da terra, pisareinos, coma bulleiro das rúas.

44 Ti líbrasme do pobo en revolta e posme á cabeza das nacións; pobos que non coñecía préstanme homenaxe.

45 Os estranxeiros agasállanme, en véndome, xa me obedecen.

46 Os estranxeiros embarúllanse e saen tremendo das súas cidadelas.

47 Viva o Señor, bendita a miña rocha! Sexa exaltado Deus, o meu salvador,

48 o Deus que vinga as miñas aldraxes, o que somete pobos ó meu xugo.

49 O que me libra dos meus inimigos, érgueme por riba dos meus perseguidores e sálvame do home violento.

50 Por iso quero loarte, Señor, diante dos pobos, quero cantarlle ó teu nome.

51 El dá ó seu rei grandes vitorias e mostra o seu amor polo seu unxido, con David e coa súa liñaxe para sempre".

Lean sinn:



Sanasan