Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 20 - Biblia SEPT


Revolta de Xeba

1 Por un casual estaba alí un home perverso, que se chamaba Xeba, fillo de Bicrí, un benxaminita. Este tocou a trompeta dicindo: —"Nós non temos parte con David, nin temos herdo co fillo de Ixaí. Cada un para a súa tenda, Israel!"

2 Os homes de Israel abandonaron a David e seguiron a Xeba, fillo de Bicrí; pero os homes de Xudá seguiron co seu rei desde o Xordán cara a Xerusalén.

3 En Xerusalén David entrou no seu pazo e as dez concubinas que deixara alí, ó seu coidado, meteunas no harén. O rei mantíñaas, mais non se achegou a elas. Estiveron alí encerradas ata a morte, vivindo coma viúvas.

4 O rei ordenoulle a Amasá: —"Convócame en tres días os homes de Xudá e ti preséntate tamén".

5 Amasá marchou e convocou os homes de Xudá, pero tardou máis tempo do marcado.

6 David díxolle entón a Abixai: —"Agora Xeba, fillo de Bicrí, vainos facer máis dano ca Abxalom. Colle os homes do teu señor e vaite detrás del, non encontre unha cidade fortificada e escape".

7 Con Abixai saíron os homes de Ioab, os quereteos, os peleteos e todos os valentes; abandonaron Xerusalén na persecución de Xeba, fillo de Bicrí.

8 Cando chegaron xunto á pedra grande que hai en Gabaón, apareceu Amasá diante deles. Ioab ía vestido co uniforme e por riba levaba unha espada enfundada, cinguida ó costado. A espada saíuselle e caeu.

9 Ioab preguntoulle a Amasá: —"Como estás, meu irmán?" O tempo coa súa dereita collíao da barba para bicalo.

10 Amasá non reparou na espada que levaba Ioab na outra man. Ioab feriuno con ela no ventre e saíronselle as entrañas. Sen necesidade doutro golpe, Amasá morreu. Despois Ioab e Abixai, o seu irmán, seguiron perseguindo a Xeba, fillo de Bicrí.

11 Un home dos de Ioab púxose onda Amasá e dicía: —"Os que estean por Ioab e os que son de David, que sigan a Ioab".

12 Amasá xacía nun baño de sangue no medio do camiño. Vendo o home que todos os que pasaban se detiñan, botou o cadáver de Amasá para fóra do camiño, en vista de que os que pasaban, se detiñan diante del.

13 Xa retirado o cadáver do camiño, todos seguiron a Ioab na persecución de Xeba, fillo de Bicrí.

14 Xeba pasou por todas as tribos de Israel ata Abel Bet Macah. Xuntáronselle os bicritas, que entraron alí detrás súa.

15 Chegaron os de Ioab e puxeron cerco a Abel Bet Macah. Ergueron contra a cidade un terraplén que chegaba ó muro. Os soldados de Ioab escavaban para botaren abaixo as murallas.

16 Unha muller asisada berrou desde a cidade: —"Escoitade! Escoitade! Dicídelle a Ioab que se achegue aquí, que lle quero falar".

17 Acercouse Ioab e a muller preguntoulle: —"Es ti Ioab?" E el dixo: —"Son". E ela: —"Escoita as palabras da túa serva". E el dixo: —"Escoito".

18 Entón díxolle ela: —"Os anciáns dicían: que pregunten en Abel e con iso acabáronse as contendas.

19 Nós somos unha das cidades máis pacíficas e fieis de Israel e a unha cidade que é nai en Israel ti tentas traer a morte. Por que queres estragar a herdade do Señor?"

20 Ioab respondeulle: —"Deus me libre de estragala e de destruíla.

21 Non se trata diso, senón dun home da montaña de Efraím chamado Xeba, fillo de Bicrí, que ergueu a súa man contra o rei, contra David. Entregádeo a el e arredareime da cidade". A muller díxolle a Ioab: —"Agora mesmo che botamos a súa cabeza por riba da muralla".

22 A muller convenceu ó pobo coa súa sabedoría. Cortáronlle a cabeza a Xeba, fillo de Bicrí, e botáronlla a Ioab. Ioab tocou a trompeta, e, afastándose da cidade, volveu cada un para a súa tenda. Ioab volveu a Xerusalén onda o rei.

23 Ioab era o xefe do exército de Israel; Benaías, fillo de Iehoiadá, mandaba nos quereteos e peleteos;

24 Adoniram levaba o recrutamento de traballadores; Ioxafat, fillo de Ahilud, era o secretario;

25 Xeiá era o cronista; Sadoc e Abiatar, os sacerdotes.

26 Tamén Irá, de Iair, era sacerdote de David.

Lean sinn:



Sanasan