2 Samuel 2 - Biblia SEPTDAVID, REI DE XUDÁ E DE ISRAEL (2 Sam 2-8) Rei de Xudá en Hebrón 1 Despois diso, David consultou o Señor: —"Debo subir a algunha das cidades de Xudá?" E o Señor respondeulle: —"Sube". David preguntou: —"A cal delas?" O Señor respondeulle: —"A Hebrón". 2 David subiu alá coas súas dúas mulleres, Ahinoam de Iezrael e Abigail, a que fora muller de Nabal de Carmel. 3 David levou tamén os seus homes, cada un coa súa familia, e establecéronse nos arredores de Hebrón. 4 Viñeron os homes de Xudá e unxiron alí a David por rei da casa de Xudá. David tivo noticia de que os veciños de Iabex de Galaad lle deran terra a Xaúl 5 e mandou mensaxeiros para dicirlles ós de Iabex: —"O Señor volo pague, pois fixestes unha boa obra, ó dardes terra a Xaúl, voso señor. 6 Que agora o Señor vos trate a vós con misericordia e lealdade. Eu tamén vos tratarei ben, por esta boa obra que fixestes. 7 Vós recobrade o valor e sede fortes. Agora que o voso señor Xaúl morreu, a casa de Xudá unxiume a min para que sexa o seu rei". Abner e Ioab 8 Pero Abner, fillo de Ner, xeneral de Xaúl, colleu a Ixbóxet, fillo de Xaúl, levouno a Mahanaim 9 e proclamouno rei sobre Galaad, sobre Iezrael, sobre Efraím, sobre Benxamín e sobre todo Israel. 10 Ixbóxet, fillo de Xaúl, tiña corenta anos cando empezou a reinar sobre Israel e reinou por dous anos. Soamente a casa de Xudá seguía a David. 11 O reinado de David en Hebrón, sobre a casa de Xudá, foi de sete anos e medio. 12 Abner, fillo de Ner, e os seguidores de Ixbóxet, fillo de Xaúl, saíron de Mahanaim para Gabaón. 13 Da outra parte viña Ioab, fillo de Seruiah, cos seguidores de David. Encontráronse todos onda o estanque de Gabaón, apostándose uns dun lado da represa e os outros do outro. 14 Abner propúxolle a Ioab: —"Que saian uns poucos mozos e que loiten ás nosas vistas". Ioab respondeulle: —"Que saian". 15 Por Ixbóxet, fillo de Xaúl, presentáronse doce benxaminitas, e por David, doce dos seus seguidores. 16 Cada un agarrou pola cabeza o seu contrario e cravoulle a espada nas costelas; e caeron todos a unha. A aquel lugar, que está onda Gabaón, chamóuselle campo do Costelar. 17 O combate foi rexo aquel día. Abner e os homes de Israel foron vencidos polos seguidores de David. 18 Estaban alí os tres fillos de Seruiah, Ioab, Abixai e Asael. Asael tiña os pés lixeiros, coma unha gacela, 19 e correu perseguindo a Abner, sen apartarse de detrás del, nin á dereita nin á esquerda. 20 Abner volveuse e preguntoulle: —"Es ti, Asael?" E el respondeulle: —"Son eu". 21 Abner díxolle: —"Torce á dereita ou á esquerda, agarra un deses homes e quítalle as armas". Pero Asael non quixo afastarse del. 22 Abner díxolle outra vez: —"Arreda de tras de min. Por que me obrigas a botarte á terra? Como me presentaría eu despois diante de Ioab, o teu irmán?" 23 El non quixo arredarse e Abner feriuno coa lanza para atrás, dereito cara á illarga, e saíulle polo outro lado. Asael caeu morto alí mesmo. Os que chegaban ó lugar onde Asael caera morto, todos se detiñan. 24 Ioab e Abixai saíron perseguindo a Abner. A posta do sol chegaron ó outeiro de Amá, enfronte de Guíah no camiño do ermo de Gabaón. 25 Os benxaminitas xuntáronse facendo unha tropa con Abner e detivéronse no cume dun outeiro. 26 Abner berroulle a Ioab: —"Seica non se fartará a espada de sangue? Non sabes que o final será amargo? Canto tardarás en dicirlle á túa xente que deixe de perseguir os seus irmáns?" 27 Ioab respondeulle: —"Vive Deus que se non falases, o pobo non deixaría de perseguir os seus irmáns ata mañá". 28 Ioab tocou a trompeta e todos se detiveron. Deixaron de perseguir a Israel e non seguiron combatendo. 29 Abner e os seus homes camiñaron toda aquela noite polo ermo, pasaron o Xordán e, percorrendo todo Bitrón, chegaron a Mahanaim. 30 Ioab deixou tamén de perseguir a Abner e reuniu a súa xente. Dos seguidores de David faltaban dezanove homes amais de Asael. 31 Pero os seguidores de David mataran trescentos sesenta benxaminitas dos homes de Abner. 32 O cadáver de Asael levárono consigo e enterrárono en Belén no sartego da súa familia. Ioab e os seus homes camiñaron a noite toda e amenceulles en Hebrón. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)