Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 19 - Biblia SEPT

1 O rei conturbouse, subiu ó mirador de por riba da porta e botouse a chorar. Mentres subía, ía dicindo: —"Ai, meu fillo; meu fillo, Abxalom; meu fillo Abxalom! Quen me dera poder morrer eu no teu lugar, Abxalom, meu fillo, meu filliño!"

2 Informaron a Ioab: —"O rei está chorando, facendo dó por Abxalom".

3 A vitoria daquel día converteuse en loito para o exército, pois este soamente oía dicir: o rei está aflixido polo seu fillo.

4 O exército entrou aquel día ás escondidas na cidade, como entraría avergonzado un exército que fuxise do combate.

5 O rei cubría a cara e choraba a berros: —"Meu fillo, Abxalom; meu fillo, Abxalom; meu filliño!"

6 Ioab chegouse ó pazo e díxolle ó rei: —"Hoxe cubriches de vergonza a cara dos teus servidores, que salvaron a túa vida, a dos teus fillos e fillas, a das túas mulleres e a das túas concubinas.

7 Ti queres ós que te aborrecen e aborreces ós que te queren. Hoxe deches a entender que nada se che dá nin por xefes nin por soldados. Hoxe comprendín que, se vivise Abxalom, mesmo se estivésemos mortos todos nós, estarías ti contento.

8 Agora érguete e vai falarlles ó corazón ós teus serventes, pois xúroche polo Señor que, se non vas, esta noite non quedará ninguén contigo; e este será para ti máis grande mal ca todos os que padeciches desde a mocidade ata hoxe".

9 O rei foi e sentou onda a porta. E toda a súa xente veuse presentar diante del. Os israelitas fuxiron para cadansúa tenda.


Volta de David a Xerusalén

10 E por todas as tribos de Israel a xente discutía e dicían: —"O rei librounos da man dos nosos inimigos, salvounos da man dos filisteos. E agora tivo que fuxir do país por culpa de Abxalom.

11 Pero Abxalom, a quen nós unximos por rei, morreu no combate. Así que, por que estades aí calados e non facedes que volva o rei?"

12 As palabras que se dicían por todo Israel chegaron á casa do rei. E o rei David mandou os sacerdotes Sadoc e Abiatar: —"Faládelles ós anciáns de Xudá e dicídelles: Por que habedes de ser os derradeiros en facer que o rei volva ó seu pazo?

13 Vos sodes os meus irmáns; sodes comigo óso e carne. Por que habedes de ser os derradeiros en facer que o rei volva?"

14 E a Amasá díxolle: —"Non es ti comigo óso e carne? Que Deus me castigue, se non te fago xefe do exército por vida no posto de Ioab".

15 David gañou o corazón de todos os homes de Xudá coma o dun só home; e mandáronlle dicir: —"Volve, ti e os teus servidores".

16 O rei emprendeu o regreso e chegou onda o Xordán. Os de Xudá chegaron a Guilgal, para saírlle ó encontro ó rei e acompañalo no paso do Xordán.

17 Ximí, fillo de Guerá, benxaminita de Bahurim, apurouse para baixar cos homes de Xudá ó encontro de David,

18 levando consigo mil homes da tribo de Benxamín. Pola súa parte, Sibá, criado da familia de Xaúl, levando consigo os seus quince fillos e vinte dos seus criados, chegou ó Xordán antes có rei,

19 e atravesou o vao, para axudar a pasar á familia do rei e para pórse á súa disposición.

20 Ximí, fillo de Guerá, prostrouse diante do rei cando este pasaba o Xordán e díxolle: —"Non teñas, señor, en conta o meu delito; non recordes aquel mal feito do teu servo, o día en que o rei, meu señor, saía de Xerusalén; non mo teñas gardado.

21 O teu servo confesa que pecou. Pero hoxe son o primeiro de toda a familia de Xosé en virlle saír ó rei, meu señor".

22 Abixai, fillo de Seruiah, tomou a palabra para dicir: —"Vaise agora librar Ximí da morte, despois de que maldiciu ó unxido do Señor?"

23 Mais David dixo: —"Que teño que ver eu convosco, fillos de Seruiah, para que hoxe fagades de tentadores? Ten que morrer alguén hoxe en Israel, cando eu volvo a ser rei de Israel?"

24 E o rei dixolle a Ximí: —"Non morrerás". E o rei xuroullo.

25 Tamén Mefibóxet, fillo de Xaúl, baixou ó encontro do rei. Non lavara os pés, nin afeitara a barba, nin mudara a roupa, desde o día da marcha do rei ata a súa volta con ben.

26 Chegado desde Xerusalén onda o rei, o rei preguntoulle: —"Por que non fuches comigo, Mefibóxet?"

27 El respondeulle: —"Rei, meu señor, o meu criado traizooume, pois o teu servo decidira: farei que me aparellen o burro, montarei nel e irei co rei, porque o teu servo está coxo.

28 O meu criado calumnioume diante do rei, meu señor. Pero o rei, meu señor, é coma o anxo de Deus. Fai, logo o que che pareza.

29 Todos os da familia de meu pai eran reos de morte ante o rei, meu señor. Pero ti puxeches a este teu servo entre os que comen á túa mesa. Xa que logo, que dereito me queda por reclamar diante do rei?"

30 O rei díxolle: —"Por que segues falando sen parar? Xa o dixen: —Ti e Sibá repartirédesvos as terras".

31 Mefibóxet respondeulle ó rei: —"Pode quedar el con todo, xa que o rei, meu señor, volveu san e salvo á súa casa".

32 Tamén Barzilai o galaadita baixou desde Roguelim para acompañar ó rei no paso do Xordán.

33 Barzilai era xa vello, tiña oitenta anos. El mantivera ó rei, no tempo que estivo en Mahanaim, pois era home de boa posición.

34 O rei díxolle a Barzilai: —"Ti véste agora comigo; eu mantereite en Xerusalén".

35 Barzilai díxolle ó rei: —"Cantos anos me quedan de vida para subir agora co rei a Xerusalén?

36 Xa cumprín os oitenta anos. Podo discernir aínda entre o ben e o mal? Pode o teu servo gozar do que come e do que bebe? Podo escoitar a voz dos cantores e das cantoras? Por que ha ser o teu servo unha carga para o rei, meu señor?

37 O teu servo acompañou ó rei unha miga alén do Xordán. Por que ía agora darme unha recompensa tan grande?

38 Deixa que o teu servo volva, para morrer na súa cidade, cerca do sepulcro de seu pai e de súa nai. Aí tes o teu servo Quimham. Que vaia el co rei, meu señor; e ti trátao como che pareza".

39 O rei respondeulle: —"Que veña, logo, Quimham. Tratareino como ti queiras. E calquera cousa que me pidas, eu fareina por ti".

40 A xente de David pasou toda o Xordán. Tamén o pasou o rei. Alí abrazou a Barzilai e bendiciuno e Barzilai volveuse para a súa casa.

41 O rei seguiu para Guilgal e con el ía Quimham. Acompañaba ó rei todo o pobo de Xudá e a metade do pobo de Israel.

42 Os homes de Israel fóronlle dicir ó rei: —"Por que te reteñen para si nosos irmáns, os homes de Xudá, e son eles os que axudaron o rei, á súa familia e á toda a súa xente a pasar o Xordán?"

43 Os homes de Xudá respondéronlles ós de Israel: —"Porque o rei é parente noso. Por que vos parece mal? Vivimos á conta do rei ou tiramos proveito del?"

44 Os homes de Israel respondéronlles ós de Xudá: —"Nós temos dez partes do rei e somos para el máis ca vós. Por que, logo, nos despreza? Non fomos nós os primeiros en facer volver ó noso rei?" Pero a resposta dos homes de Xudá foi máis áspera aínda cá dos homes de Israel.

Lean sinn:



Sanasan