2 Samuel 17 - Biblia SEPTO consello de Ahitófel e o de Huxai 1 Ahitófel díxolle a Abxalom: —"Vou escoller doce mil homes para saír esta mesma noite en persecución de David. 2 Sorprendereino canso e sen forzas e, co medo que lle meterei, toda a súa xente fuxirá e eu matarei ó rei abandonado. 3 Entón farei volver cara a ti o pobo todo, como a noiva que volve ó seu noivo. Porque ti buscas a morte dun só home e que o pobo quede en paz". 4 A proposta pareceulle ben a Abxalom e a todos os anciáns de Israel. 5 Pero Abxalom dixo: —"Chamade a Huxai, o arquita, e escoitemos tamén o que el propón". 6 Chegou Huxai e díxolle Abxalom: —"Ahitófel propuxo isto. Debémolo facer? E se non, cal é a túa proposta?" 7 Huxai respondeulle a Abxalom: —"Desta vez non é bo o consello de Ahitófel". 8 E engadiu: —"Ti coñeces a teu pai e ós seus homes. Son valentes e están rabiados, coma no monte a osa privada das súas crías. Ademais, o teu pai é home de guerra e non pasará a noite mesturado coa tropa. 9 Arestora estará acochado nunha cova ou en calquera outro lugar. Se de primeiras caen algúns dos teus e se corre o rumor: houbo unha desfeita no exército de Abxalom, 10 entón, mesmo os valentes de corazón coma leóns, derreteranse de medo, pois todo Israel sabe que teu pai é un heroe e que leva consigo homes valentes. 11 O meu consello é este: que todo Israel, desde Dan a Beerxeba, se xunte ó teu arredor, numeroso coma a area das praias, e que ti en persoa vaias con eles. 12 Chegaremos onda teu pai, onda queira que se encontre, botarémonos enriba del, coma a rosada que cae sobre o chan e non lle quedará un só dos seus homes. 13 E se se acocha nunha cidade, acudirá con cordas todo Israel e arrastraremos esa cidade ó regato ata que dela non quede unha pedra". 14 Abxalom e todos os israelitas dixeron: —"A proposta de Huxai, o arquita, é mellor cá de Ahitófel". A cousa é que o Señor determinara facer fracasar o consello de Ahitófel, que era bo, para traer a desgraza a Abxalom. 15 Huxai informou ós sacerdotes Sadoc e Abiatar: —"Ahitófel aconsellou a Abxalom e ós anciáns de Israel isto e isto; pero eu aconselleilles estoutro. 16 Agora mandádelle de contado este recado a David: non quedes esta noite nas chairas do deserto. Pasa para o outro lado, non vaian exterminar o rei con toda a súa xente". Abxalom persegue a David en Transxordania 17 Ionatán e Ahimaas estaban agardando en Enróguel. Unha criada debía levarlles o recado e despois eles levaríanllo ó rei David. Eles non podían deixarse ver entrando na cidade. 18 Viunos un rapaz e díxollo a Abxalom. Pero eles saíron correndo e metéronse na casa dun home de Bahurim, que tiña no patio un pozo onde eles se esconderon. 19 A muller colleu unha manta, estendeuna sobre a boca do pozo e botou gran encima de xeito que ninguén notara nada. 20 Chegados os criados de Abxalom á casa, onda a muller, preguntáronlle: —"Onde están Ahimaas e Ionatán?" E ela díxolles: —"Pasaron cara ó río". Eles buscáronos, pero non os atoparon, e volvéronse para Xerusalén. 21 Desque os criados marcharon, os outros saíron do pozo e correron a dicirlle a David: —"Erguédevos e pasade o río axiña, pois Ahitófel propuxo isto en contra vosa". 22 David e a súa xente levantáronse e atravesaron o Xordán. Estiveron pasando ata ó amencer. A esa hora non quedaba xa ninguén sen pasar. 23 Vendo Ahitófel que non seguiran o seu consello, aparellou o burro e colleu e marchou para a casa na súa cidade. Puxo en orde a súa casa e despois aforcouse e morreu. Enterrárono no sartego de seus pais. 24 Namentres David chegaba a Mahanaim, Abxalom atravesaba o Xordán con todos os homes de Israel. 25 Abxalom puxera a Amasá á fronte do exército no lugar de Ioab. Amasá era fillo dun tal Itrá, ismaelita, que o tivera de Abigail, filla de Nahax, irmá de Seruiah e nai de Ioab. 26 Abxalom acampou con Israel en terras de Galaad. 27 Cando David chegou a Mahanaim, Xobí, fillo de Nahax, de Rabah de Amón, Maquir, fillo de Amiel de Lodabar, e Barzilai, o galaadita de Roguelim, 28 viñeron con xergóns, con xerras e con cuncas de barro, con trigo, fariña, orxo e gran torrado, con fabas e lentellas, 29 con mel, manteiga, queixo de ovella e de vaca, e presentáronlles todo a David e á súa xente, que comesen, pois pensaban: esta xente está cansa e chea de fame e de sede do deserto. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)