Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 16 - Biblia SEPT


Sibá e Ximí

1 Acabara David de pasar o cume da montaña, cando se atoparon con Sibá, criado de Mefibóxet, que viña con dous burros aparellados, cargados con douscentos pans, cen acios de uvas pasas, cen tortas de figos e un pelexo de viño.

2 O rei preguntoulle a Sibá: —"A que vés con esas cousas?" E Sibá respondeulle: —"Os burros son para que monte a familia do rei, os pans e os figos son para que coman os criados, e o viño é para que beban os que desfalezan no deserto".

3 O rei preguntoulle: —"Onde está o fillo do teu amo?" Sibá respondeulle: —"Quedou en Xerusalén, pensando: hoxe a casa de Israel devolverame o reino de meu pai".

4 O rei díxolle a Sibá: —"Todo o que tiña Mefibóxet é para ti". E Sibá respondeulle: —"Pós—trome diante de ti. Oxalá, rei, meu señor, atope eu graza ós teus ollos".

5 Chegado o rei David a Bahurim, saía de alí un da familia de Xaúl chamado Ximí, fillo de Guerá. Saía maldicindo

6 e tiráballes pedras a David e ós serventes do rei, mentres a xente toda e os valentes ían á súa dereita e á súa esquerda.

7 Nas súas maldicións dicía Ximí: —"Vaite, vaite, home sanguinolento e perverso.

8 O Señor fai caer enriba de ti o sangue da familia de Xaúl, a quen roubaches o trono; o Señor pon o reino nas mans de teu fillo Abxalom. Aí estás, caído na túa maldade, porque ti es un home sanguinolento".

9 Abixai, fillo de Seruiah, díxolle ó rei: —"Por que permites que ese can morto maldiga ó rei, meu señor? Déixame que lle corte a cabeza".

10 Pero o rei díxolle: —"Que teño eu que ver convosco, fillos de Seruiah? Déixao que maldiga. Se o Señor lle dixo que maldiga a David, quen pode pedirlle contas de que o faga?"

11 David seguiulle dicindo a Abixai e a todos os seus serventes: —"Se o meu propio fillo, saído das miñas entrañas, quere quitarme a vida, canto máis un benxaminita. Deixádeo que me maldiga; mandoullo, de certo, o Señor.

12 Quizais repare o Señor na miña aflición, e polas maldicións de hoxe me compense con bens".

13 David seguiu o camiño cos seus homes, mentres Ximí os seguía de cerca, pola ladeira da montaña, andando e maldicindo, guindándolle pedras e levantando unha poeira.

14 David e a súa xente chegaron cansos onda a auga e alí descansaron.

15 O tempo Abxalom e os seus israelitas chegaban a Xerusalén. Ahitófel acompañábao.

16 Entón Huxai, o arquita, amigo de David, presentouse a Abxalom e aclamouno: —"Viva o rei, viva o rei!"

17 Abxalom preguntoulle: —"É esa a lealdade que ti gardas ó teu amigo? Por que non fuches con el?"

18 Huxai respondeulle a Abxalom: —"Non. Eu estarei con quen elixiu o Señor e todo este pobo de Israel e con ese quedarei.

19 Polo demais, a quen veño servir, senón ó seu mesmo fillo? O mesmo que servín a teu pai, así estou agora contigo".

20 Abxalom díxolle a Ahitófel: —"Celebrade consello sobre o que habemos facer".

21 Ahitófel respondeulle: —"Achégate as concubinas que teu pai deixou gardando o seu pazo. Dese xeito saberá todo Israel que te fixeches aborrecible para teu pai e sentiranse máis fortes os que te seguen".

22 Levantáron—lle unha tenda na terraza e Abxalom achegouse ás concubinas de seu pai, ás vistas de todo Israel.

23 Daquela o consello de Ahitófel tiña a mesma autoridade cá consulta de Deus, e como tal era valorado, o mesmo por David coma por Abxalom.

Lean sinn:



Sanasan