Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 15 - Biblia SEPT


Revolta de Abxalom

1 Despois diso Abxalom fíxose cun carro e cabalos e con cincuenta homes que o escoltaban.

2 Abxalom erguíase cedo e púñase á entrada da cidade. Dirixíase a todos os que ían ó tribunal do rei cun preito e preguntáballes: —"Ti de que cidade es?" E el respondíalle: —"O teu servo é dunha das tribos de Israel".

3 Entón dicíalle Abxalom: —"Mira, a túa causa é boa e xusta, pero de parte do rei non hai quen te atenda".

4 Despois seguía dicindo: —"Quen me dera ser eu o xuíz deste país! A todos os que viñesen onda min con preitos e con causas, faríalles pronto xustiza".

5 E cando alguén se lle acercaba e o saudaba, el tendíalle a man, agarrábao e abrazábao.

6 Dese xeito era como trataba Abxalom ós israelitas que acudían ó tribunal do rei, gañándose, con iso, o corazón de todo Israel.

7 O cabo de catro anos Abxalom díxolle ó rei: —"Déixame chegar a Hebrón para cumprir unha promesa que lle fixen ó Señor.

8 Estando en Guexur de Aram, o teu servo fixo esta promesa: se o Señor me deixa volver a Xerusalén, ofrecereille un sacrificio en Hebrón".

9 O rei díxolle: "Vai en paz". E el colleu e foise a Hebrón.

10 Abxalom mandou mensaxeiros por todas as tribos de Israel con esta consigna: —"Cando oiades o son da trompeta, proclamade: Abxalom reina en Hebrón!"

11 De Xerusalén ían con Abxalom douscentos homes, convidados, pero de boa fe, alleos ó que se tramaba.

12 Mentres el ofrecía o sacrificio, Abxalom mandou buscar a Ahitófel, o guilonita, conselleiro de David, na súa cidade de Guiloh. A conxura collía forza. Cada vez eran máis os que seguían a Abxalom.


Fuxida de David

13 Chegou onda David un mensaxeiro que lle dixo: —"O corazón dos israelitas vaise con Abxalom".

14 Entón mandoulles David a todos os seus servidores, que estaban con el en Xerusalén: —"Preparádevos e fuxamos; se non, non daremos escapado de Abxalom. Fuxamos de présa, que non se nos adiante. Se nos colle, estamos perdidos. Pasará a cidade polo fío da espada".

15 Os servidores dixéronlle ó rei: —"Os teus servidores están dispostos a facer o que diga o rei".

16 Saíron, logo, a pé o rei e a súa familia, quedando dez concubinas á garda do pazo real.

17 Saíron todos a pé, o rei e toda a súa xente, e paráronse onda unha casa que había nas aforas.

18 Os servidores do rei puxéronse todos do seu lado; pero os quereteos, os peleteos e os gueteos, que viñeran con el de Gat en número de seiscentos, puxéronse diante do rei.

19 O rei preguntoulle a Itai de Gat: —"Por que tes que vir connosco tamén ti? Dá a volta e queda co rei, pois ti es un estranxeiro, desterrado do teu país.

20 Chegaches onte, e voute obrigar xa hoxe a ir connosco, cando eu mesmo vou para onde cadre? Dá a volta e leva contigo os teus irmáns. E que o Señor mostre contigo o seu amor e a súa fidelidade".

21 Pero Itai respondeulle ó rei: —"Pola vida do Señor e pola do meu amo, o rei! Onde queira que estea o rei, meu señor, alí estará o teu servo, o mesmo para a morte que para a vida".

22 Entón David díxolle a Itai: —"Ven, logo, pasa". Itai o gueteo pasou para diante, con todos os seus homes e con toda a súa familia.

23 Toda a xente choraba a berros. O rei pasou o torrente Cedrón e pasaron todos con el, camiño do deserto.

24 Ia tamén Sadoc e con el todos os levitas. Levaban a arca da alianza do Señor e puxérona onda Abiatar, ata que acabou de saír da cidade a xente toda.

25 O rei mandoulle a Sadoc: —"Devolve a arca de Deus para a cidade. Se o Señor me dispensa o seu favor, fará que poida volver e permitirame ver a arca e a súa morada.

26 Pero se El me di que non son do seu agrado, aquí me ten; que faga comigo o que lle pareza".

27 E o rei díxolle ó sacerdote Sadoc: —"Volvede tranquilos para a cidade, ti e o teu fillo Ahimaas, e Abiatar e o seu fillo Ionatán; vós e vosos dous fillos.

28 Vede, eu agardarei nos pasos do deserto, mentres me chega unha palabra vosa que me informe".

29 Sadoc e Abiatar volveron coa arca de Deus para Xerusalén e quedaron alí.

30 David subía chorando pola costa das Oliveiras, coa cabeza cuberta e os pés descalzos. Toda a súa xente cubrira a cabeza e subía tamén chorando.

31 Dixéronlle a David: —"Ahitófel está na conxura de Abxalom". E David pediu: —"Entolece, Señor, o consello de Ahitófel".

32 Cando David chegou ó cume da montaña onde se adoraba a Deus, saíulle ó encontro Huxai, o arquita, coa túnica rachada e coa cabeza cuberta de po.

33 David díxolle: —"Se vés comigo, serás para min unha carga.

34 Pero, se volves á cidade e lle dis a Abxalom: Rei, eu quero ser o teu servo. Primeiro fun servo de teu pai, pero agora quero ser teu, entón farás fracasar no meu proveito o consello de Ahitófel.

35 Alí tes contigo os sacerdotes Sadoc e Abiatar. Todo o que oias no pazo do rei, cóntallelo a Sadoc e a Abiatar.

36 Alí con eles están os seus dous fillos, Ahimaas de Sadoc e Ionatán de Abiatar. Por eles mandarédesme informes de todo o que oiades".

37 Huxai, amigo de David, chegaba á cidade, cando Abxalom facía a súa entrada en Xerusalén.

Lean sinn:



Sanasan