2 Samuel 14 - Biblia SEPTDavid perdoa a Abxalom 1 Decatouse Ioab, fillo de Seruiah, de que o corazón do rei estaba con Abxalom 2 e mandou a Tecóah que trouxesen de alí unha muller arteira, á que lle dixo: —"Finxe que estás co dó, viste roupas de loito, non te unxas con óleo e fai coma se foses unha muller que leva loito hai tempo por un morto. 3 Presentaraste diante do rei e diraslle isto e isto". E Ioab púxolle na boca o que había dicir. 4 A muller de Tecóah presentouse ó rei, prostrouse por terra diante del e exclamou: —"Sálvame, rei!" 5 O rei preguntoulle: —"Que che pasa?" E ela díxolle: —"Eu son unha viúva; o meu home morreu. 6 A túa serva tiña dous fillos, que pelexaron no campo, sen ninguén que os separase, e un deles feriu ó outro e matouno. 7 Agora érguese toda a familia en contra da túa serva e dinme: entréganos o fratricida para matalo, para vingar a morte do irmán. Acabaremos tamén co herdeiro. Dese xeito apagarán a brasa que me queda, e ó meu home non lle deixarán nin nome nin resto sobre a terra". 8 O rei díxolle a muller: —"Vaite á túa casa, que eu disporei sobre este asunto". 9 Entón a muller de Tecóah díxolle ó rei: —"Rei, meu señor, que a culpa caia sobre min e sobre a miña familia, pero que queden limpos dela o rei e o seu trono". 10 O rei dixo: —"Se alguén se mete contigo, tráeo onda min e non volverá molestarte". 11 Ela repuxo: —"Que o rei pronuncie o nome do Señor, o seu Deus, para que o vingador do sangue non veña causar máis dano, exterminando o meu fillo". E o rei xurou: —"Pola vida do Señor, que non caerá por terra un cabelo de teu fillo". 12 A muller dixo entón: —"Permite que a túa serva lle diga aínda ó rei, meu señor, unha palabra". 13 El dixo: —"Fala". E ela dixo: —"Por que matinas desa maneira contra o pobo de Deus? Polo que acaba o rei de dicir resulta culpable, pois non deixa que volva o seu propio desterrado. 14 Todos habemos morrer. E como a auga derramada por terra non se pode recoller, dese mesmo xeito Deus non levanta un cadáver. Faga, logo, o rei o proxecto de que o proscrito non siga lonxe del. 15 Se eu vin aquí para dicirlle isto ó rei, meu señor, foi porque o pobo me deu medo. A túa serva pensou: voulle falar disto ó rei; poida que el faga caso da súa serva. 16 Seguramente o rei escoitará e librará á súa serva das mans dos que queren exterminarnos, ó mesmo tempo, a min e ó meu fillo da herdade de Deus. 17 A túa serva pensou: a resposta do rei, meu señor, traerame conforto, pois o rei, meu señor, é coma o anxo de Deus, para distinguir entre o ben e o mal. Que o Señor, o teu Deus, sexa contigo". 18 O rei entón díxolle á muller: —"Non me ocultes cousa ningunha do que che vou preguntar". E a muller respondeulle: —"Fale o rei, meu señor". 19 E o rei dixo: —"Non anda a man de Ioab contigo en todo isto?" A muller respondeu: —"Pola túa vida, rei, meu señor, que o que dixeches non marra nin á dereita nin á esquerda. O teu servo Ioab foi o que puxo estas palabras na boca da túa serva. 20 O teu servo Ioab fixo isto para disfrazar todo o asunto. Pero o rei, meu señor, é tan sabio coma o anxo de Deus para coñecer todo o que acontece sobre a terra". 21 O rei díxolle a Ioab: —"Vou dar o consentimento a esa proposta. Vai e trae de volta ó xove Abxalom". 22 Ioab postrouse por terra, saudando, e deulle as gracias ó rei. Dixo Ioab: —"Agora, rei, meu señor, sei que conto co teu favor pois o rei cumpre os desexos do seu servo". 23 Ioab ergueuse e foi a Guexur e trouxo a Abxalom a Xerusalén. 24 O rei dispuxo: —"Que se retire á súa casa e que non veña verme". E Abxalom retirouse á súa casa sen presentarse diante do rei. 25 En todo Israel non había un home tan fermoso coma Abxalom nin tan gabado por todos. Desde os pés á cabeza non tiña un só defecto. 26 Cando rapaba o cabelo —cousa que facía de ano en ano pois pesáballe moito—, o peso dos seus cabelos era de douscentos siclos segundo a pesa real. 27 A Abxalom nacéranlle tres fillos e unha filla, que se chamaba Tamar, unha rapaza moi fermosa. 28 Abxalom residiu por dous anos en Xerusalén sen poder visitar o rei. 29 Abxalom mandoulle recado a Ioab para envialo onda o rei; pero Ioab non acudiu. Mandoulle un segundo recado, pero Ioab non se presentou. 30 Entón díxolles Abxalom ós seus criados: —"Sabedes do eido que ten Ioab ó pé do meu, sementado de orxo. Ide e póndelle lume". E os criados de Abxalom queimaron o eido de Ioab. 31 Entón foi Ioab onda Abxalom e preguntoulle: —"Por que os teus criados lle puxeron lume ó meu eido?" 32 Abxalom respondeulle: —"Sabes que te mandei chamar e dicirche que viñeses aquí para enviarte onda o rei coa encomenda: Para que vin de Guexur? Mellor sería quedar alí. Agora quero ver o rei. E se houbese en min culpa, que me faga matar". 33 Ioab foi onda o rei para dicirllo. E o rei chamou a Abxalom. Abxalom chegou onda o rei e prostrouse por terra diante del e o rei abrazouno. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)