2 Samuel 12 - Biblia SEPTDenuncia de Natán e penitencia de David 1 O Señor mandou a Natán onda a David. O profeta entrou xunto ó rei e díxolle: —"Nunha cidade había dous homes, un rico e o outro pobre. 2 O rico tiña grandes rabaños de ovellas e de bois. 3 O pobre non tiña nada fóra dunha ovella que mercara. El criouna e ela ía crecendo, canda el e canda os seus fillos. Coidábaa coma a unha filla. 4 Chegou un viaxeiro onda o rico, quen sentindo botar man dunha peza da súa facenda para convidar ó viaxeiro que chegara xunto del, colleulle a ovella ó home pobre e guisoulla ó viaxeiro". 5 David enfadouse moito con aquel home e díxolle a Natán: —"Pola vida do Señor, quen fixo iso merece a morte. 6 Pagará catro veces a ovella, por ese comportamento sen piedade". 7 Entón Natán díxolle a David: —"Ti es ese home. E isto di o Señor, Deus de Israel: Eu unxinte por rei de Israel e libreite das mans de Xaúl. 8 Entregueiche a casa do teu señor e puxen as súas mulleres nos teus brazos. Fíxente dono de Israel e de Xudá e, por se fose pouco, deiche aínda outras cousas. 9 Por que, logo, desprezas a palabra do Señor, facendo o que el reproba? Mataches coa espada a Urías, o hitita, para casares coa súa muller. Matáchelo coa espada dos amonitas. 10 Agora a espada non se afastará da túa casa. Visto que ti me desprezaches, tomando para ti a muller de Urías, o hitita, 11 isto di o Señor: Vou facer xurdir contra ti a desgraza dentro da túa propia casa. Quitareiche as mulleres e dareillas a outro diante dos teus ollos, el deitarase con elas, á luz deste sol que nos aluma. 12 O que fixeches ti ás escondidas, fareino eu á luz do sol e á vista de todo Israel". 13 David díxolle a Natán: —"Pequei contra o Señor!" E Natán díxolle: —"O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás. 14 Pero, por desprezares o Señor co que fixeches, o neno que che naceu ten que morrer". Nacemento de Salomón 15 Despois Natán marchou para a súa casa. E o Señor feriu ó neno que a muller de Urías lle parira a David; púxose moi malo. 16 David pediulle a Deus polo neno, fixo un longo xaxún e pasaba as noites tirado polo chan. 17 Os anciáns da súa casa trataron de levantalo, pero el negouse e non quixo comer con eles. 18 Os sete días morreu o neno. Os serventes tiñan medo de dicirlle a David que o neno morrera, pois pensaban: —"Se, cando o neno vivía, lle falabamos e el non nos facía caso, como lle imos dicir agora que o neno morreu? Faría unha loucura". 19 David decatouse de que os serventes andaban falando polo baixo e comprendeu que o neno morrera. E preguntoulles ós serventes: —"Morreu o neno?" E eles dixéronlle: —"Morreu". 20 David entón ergueuse do chan, lavouse, perfumouse e mudouse, e logo foise prostrar á casa do Señor. Despois volveu para o seu pazo, pediu de comer, servírono e comeu. 21 Os seus serventes preguntáronlle: —"Que quere dicir iso que fas? Cando o neno vivía, xaxuabas e chorabas, e agora que o neno morreu, érgueste e comes". 22 El respondeulles: —"Mentres o neno vivía, xaxuaba e choraba, pensando: quen sabe se o Señor me quererá facer a graza de que viva! 23 Pero agora que xa morreu, de que serve o xaxún? Podería volvelo á vida? Son eu quen vai cara a el e non el cara a min". 24 David consolou a Batxeba, súa muller, entrou onda ela e durmiu con ela. Ela pariulle un fillo, a quen lle puxo por nome Salomón. O Señor amouno 25 e mandou polo profeta Natán que lle chamasen Iedidías en homenaxe ó Señor. Conquista de Rabah 26 Nese tempo Ioab seguira co cerco de Rabah dos amonitas ata acabar conquistando a cidade real. 27 Entón mandou mensaxeiros a David para dicirlle: —"Ataquei Rabah e recuperei a cidade das augas. 28 Agora reúne o resto do exército, acampa ó redor da cidade e apodérate ti dela, non sexa que, se o fago eu, chamen logo á cidade co meu nome". 29 David reuniu o resto do exército e foi a Rabah, que atacou e que conquistou. 30 Quitou da cabeza a Milcom unha coroa que pesaba un talento de ouro e que tiña pedras preciosas; e púxoa na súa cabeza. O botín que colleu na cidade foi moi grande. 31 Sacou da cidade os seus habitantes e púxoos a traballar coa serra e con machetas, con picos de ferro e en fornos de ladrillos. Con todas as cidades amonitas fixo o mesmo. Despois David volveu con todo o exército para Xerusalén. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)