Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 11 - Biblia SEPT


David e Batxeba

1 A volta dun ano, na época en que os reis saen á guerra, mandou David a Ioab, cos seus oficiais e co exército israelita, desbaratar o país dos amonitas e poñerlle cerco a Rabah. Mentres tanto David quedou en Xerusalén.

2 Unha tarde, ó erguerse do leito, púxose David a pasear pola terraza do pazo, e viu desde alí unha muller que se estaba bañando, unha muller, por certo, moi fermosa.

3 David mandou preguntar por ela e dixéronlle: esa muller é Batxeba, filla de Eliam, muller de Urías, o hitita.

4 David ordenou que lla trouxesen. Entrou a muller onda el e David deitouse con ela, cando ela se acababa de purificar das súas regras. Despois ela volveu para a súa casa.

5 A muller quedou embarazada e mandoulle a dicir a David: estou embarazada.

6 Entón mandoulle David este recado a Ioab: "Mándame a Urías, o hitita". E el mandoullo.

7 Cando Urías chegou, David preguntoulle pola saúde de Ioab, polo exército e pola marcha da guerra.

8 Despois David díxolle a Urías: —"Baixa á túa casa e dáte un baño". Urías saíu do pazo real e detrás del saíu o agasallo do rei.

9 Pero Urías deitouse á entrada do pazo, cos serventes do rei, e non baixou a súa casa.

10 Dixéronlle a David: —"Urías non baixou á súa casa". David díxolle entón: —"Acabas de vir de viaxe. Por que non vas á túa casa?"

11 Urías respondeulle a David: —"A arca, Israel e Xudá viven en tendas, o meu xefe Ioab e os seus oficiais acampan ó raso, e ía entrar eu na miña casa, comer e beber e deitarme coa miña muller? Por ti e pola túa vida, que non farei semellante cousa".

12 David díxolle a Urías: —"Queda aínda hoxe e mañá despedireite". E Urías quedou aquel día en Xerusalén. O día seguinte,

13 David convidouno a comer con el e deulle de beber para emborrachalo. A noite saíu e deitouse onda a garda do seu señor, mais non baixou á súa casa.

14 A mañá escribiulle David unha carta a Ioab e mandoulla en man por Urías.

15 Na carta escribía: —"Poñede a Urías na dianteira, onde máis duro sexa o combate, arredádevos del, e que o firan e morra".

16 Ioab, que estaba cercando a cidade, puxo a Urías no sitio onde sabía que estaban os homes máis valentes.

17 Saíron os defensores da cidade, combateron contra Ioab e caeron algúns dos soldados de David. Tamén morreu Urías, o hitita.

18 Ioab mandou que informasen a David da sorte do combate.

19 E díxolle ó mensaxeiro: —"Cando acabes de darlle ó rei o parte do combate,

20 se el se alporiza e che di: Por que vos acercastes tanto para atacar a cidade? Non sabiades que dispararían desde o alto da muralla?

21 Quen matou a Abimélec, fillo de Ierubaal? Unha muller que botou unha pedra de moer desde o alto do muro, morrendo el en Tebés. Por que vos aproximastes á muralla? Ti diraslle entón: morreu tamén o teu servo Urías, o hitita".

22 Marchou o mensaxeiro, chegou xunto a David e comunicoulle a mensaxe de Ioab.

23 O mensaxeiro dixo: —"Os inimigos saíron cara a nós ó escampado; eles estábannos vencendo, mais nós botámonos sobre eles cara á porta da entrada.

24 Entón tiraron os arqueiros desde a muralla contra os teus servos e mataron a algúns dos soldados do rei. Morreu tamén o teu servo Urías, o hitita".

25 David díxolle ó mensaxeiro: —"Dille isto a Ioab: non te aflixas polo que pasou. A espada devora ora para aquí ora para alí. Ti reforza o ataque contra a cidade para arrasala. E ti fai por encoraxalo".

26 Cando soubo a muller de Urías que morrera o seu home, fixo loito por el.

27 Pasado o tempo do loito, David mandou que viñese á súa casa e tomouna por muller. Ela deulle un fillo. Pero a acción de David non compraceu ó Señor.

Lean sinn:



Sanasan