Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Samuel 1 - Biblia SEPT


A nova da derrota de Israel chega a David

1 Despois da morte de Xaúl, David, vencedor dos amalecitas, volveu para Siquelag.

2 Ao terceiro día disto, chegou un home do campamento de Xaúl, coa roupa toda rachada e a cabeza cuberta de po. Presentouse a David e saudouno, prostrándose rostro en terra.

3 David preguntoulle: —"De onde vés?" E el respondeulle: —"Escapei do campamento de Israel".

4 David insistiu: —"Que foi o que pasou? Cóntamo!" E el dixo: —"Os soldados fuxiron do combate; moitos deles caeron mortos e morreron tamén Xaúl e o seu fillo Ionatán".

5 David preguntoulle aínda ó mozo que o estaba informando:

6 —"Como sabes que morreu Xaúl e o seu fillo Ionatán?" O mozo respondeulle: —"Eu atopábame casualmente no monte de Guilboa e vin que Xaúl se apoiaba na súa lanza, ó tempo que os carros e os xinetes estaban para collelo.

7 Xaúl volveuse para atrás e, ó verme, chamou por min. Eu díxenlle: Aquí estou.

8 El preguntoume: Ti quen es? E eu respondinlle: Son un amalecita.

9 Entón díxome el: Bótate a min e remátame; agarroume a vertixe da morte, pero aínda me queda vida.

10 Eu boteime entón a el e remateino, pois estaba seguro de que non sobreviviría á caída. Despois quiteille a coroa que levaba na cabeza e o brazalete do seu brazo e aquí llos traio ó meu señor".

11 David agarrou o seu manto e rachouno; e o mesmo os seus homes todos.

12 Fixeron dó, choraron e xaxuaron ata a tarde por Xaúl, polo seu fillo Ionatán, polo pobo do Señor e pola casa de Israel, que caeran a fío de espada.

13 David preguntoulle ó mozo que lle trouxera as noticias: —"Ti de onde es?" E el respondeulle: —"Son fillo dun forasteiro amalecita".

14 E David díxolle: —"E como te atreviches a erguer a man para matar o unxido do Señor?"

15 David chamou a un dos seus servidores e ordenoulle: —"Acércate onda el e mátao". E o servente feriuno e matouno.

16 David dixo cara a el: —"Que o teu sangue recaia enriba da túa cabeza, pois a túa propia boca falou contra ti, cando dixeches: eu matei o unxido do Señor".


Elexía por Xaúl e Ionatán

17 David entoou, daquela, por Xaúl e polo seu fillo Ionatán, esta elexía

18 e mandou que a aprendesen os fillos de Xudá. Atópase escrita no libro do Xusto.

19 —"Ai, a túa flor, Israel, cadáveres nos teus outeiros! Como caeron os valentes!

20 Non o contedes en Gat, non o pregoedes nas rúas de Axquelón, para que non se aleden as fillas dos filisteos, para que non rebulden as fillas dos incircuncisos.

21 Montes de Guilboa, nin orballo nin choiva caian enriba de vós, altas mesetas, xa que alí se luxaron os escudos dos heroes, o escudo de Xaúl, non unxido con óleo,

22 senón con sangue de feridos e graxa de valentes. O arco de Ionatán nunca retrocedeu, nin a espada de Xaúl volveu nunca en baleiro.

23 Xaúl e Ionatán, queridos e agarimosos, nin a vida nin a morte os separou, máis lixeiros cás aguias, máis fortes cós leóns.

24 Fillas de Israel, chorade por Xaúl, o que vos vestía de púrpura preciosa e adornaba os vosos vestidos con enfeites de ouro.

25 Como caeron os heroes no medio do combate! Ionatán, ferido de morte nos outeiros!

26 Dóiome por ti, meu irmán, Ionatán. Canto te quería! O teu amor era máis doce para min có amor das mulleres.

27 Como caeron os heroes e pereceron as armas da guerra!"

Lean sinn:



Sanasan