Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Reis 3 - Biblia SEPT


Ioram de Israel

1 Ioram, fillo de Acab, empezou a reinar sobre Israel, en Samaría, no ano dezaoito do reinado de Ioxafat en Xudá. Reinou doce anos.

2 Fixo o mal ós ollos do Señor, mais non tanto coma seu pai e súa nai, pois retirou a estela que erixira seu pai en honor de Baal.

3 Persistiu nos pecados que Ieroboam, fillo de Nabat, fixera cometer a Israel, sen arredar nada deles.


Guerra contra Moab

4 Mesa, rei de Moab, criaba moito gando, e pagáballe ó rei de Israel un tributo de cen mil cordeiros e a lá de cen mil carneiros.

5 Pero, á morte de Acab, o rei de Moab revirouse contra o rei de Israel.

6 Entón o rei Ioram saíu de Samaría e pasou revista a todo Israel.

7 Despois mandoulle esta mensaxe a Ioxafat, rei de Xudá: —"O rei de Moab revirouse contra min. Queres vir ti comigo á guerra contra Moab?" El respondeulle: —"Irei. Conta comigo coma contigo, cos meus soldados coma cos teus, coa miña cabalería coma coa túa".

8 E preguntou: —"Que camiño colleremos?" Respondeulle Ioram: —"O camiño de Edom".

9 Os reis de Israel, de Xudá e de Edom puxéronse en movemento. Os sete días de camiño faltou a auga, tanto para o exército coma para os animais que o seguían.

10 O rei de Israel exclamou: —"Ai, o Señor convocou estes tres reis para entregalos nas mans de Moab!"

11 Entón preguntou Ioxafat: —"Non hai por aquí un profeta do Señor, para consultar por el ó Señor?" Un oficial do rei de Israel respondeulle: —"Está aquí Eliseo, fillo de Xafat, que vertía auga nas mans de Elías".

12 A iso dixo Ioxafat: —"El ten palabra do Señor". E baixaron onda el o rei de Israel, Ioxafat e o rei de Edom.

13 Entón dixo Eliseo ó rei de Israel: —"Que teño eu que ver contigo? Vai onda os profetas de teu pai e onda os profetas de túa nai". Pero o rei de Israel teimou: —"Non; pois o Señor convocou estes tres reis, para entregalos nas mans de Edom".

14 Niso dixo Eliseo: —"Pola vida do Señor dos exércitos, a quen sirvo! Se non fose por Ioxafat, rei de Xudá, a ti non che faría caso ningún nin che miraría a cara.

15 Agora traédeme un músico". E mentres o home tocaba a arpa, pousouse a man do Señor sobre Eliseo.

16 Eliseo falou: —"Isto di o Señor: abride nese regato seco moitas canles.

17 O Señor di: non veredes vento nin veredes choiva, pero ese regato seco encherase de auga, e poderedes beber vós, o voso gando e as vosas bestas de carga.

18 Pero isto é pouco ós ollos do Señor. El entregará Moab nas vosas mans.

19 Vós destruiredes as súas prazas fortes e as cidades fortificadas, tallaredes as árbores mellores, cegaredes as fontes e cubriredes de pedras os seus máis vizosos agros".

20 Pola mañá, á hora da ofrenda, corría a auga da parte de Edom, alagando toda a bisbarra.

21 Os moabitas, ó seren informados de que aqueles reis querían atacalos, chamaran a todos os homes rexos para a guerra e puxéranos nas fronteiras.

22 O erguérense de mañá, cando o sol brillaba nas augas, os moabitas víanas alá, en fronte deles, rubias coma o sangue.

23 E exclamaron: —"Isto é sangue! De seguro que os reis botaron man das súas espadas e matáronse uns ós outros. Agora, Moab, ós espolios!".

24 Mais, chegados ó campamento de Israel, o exército israelita levantouse e derrotou ós moabitas, que fuxiron diante deles. Entraron no territorio de Moab e arrasárono.

25 Estragaron as súas cidades, o bo terreo cubrírono de pedras, cada un tirou a súa; cegaron as fontes e tallaron as árbores mellores. De Quir—Haráxet quedaron soamente as pedras, despois de que a cercaron e a destruíron os arqueiros.

26 Vendo que non podía soster a loita, o rei de Moab colleu consigo setecentos homes armados de espadas, para abrirse camiño cara ó reino de Edom; pero non puideron conseguilo.

27 Entón colleu o seu fillo primoxénito, o que ía ser o sucesor, e sacrificouno enriba das murallas. Daquela houbo tan grande indignación contra os israelitas, que estes se foron de alí e volveron para a súa terra.

Lean sinn:



Sanasan