Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Pedro 3 - Biblia SEPT


A VOLTA DO SEÑOR Á FIN DO TEMPO Aínda que se demore, a Parusía chegará

1 Meus amigos, esta xa é a segunda carta que vos escribo; nas dúas quero avivecer o voso espírito sincero cun testamento espiritual,

2 para que vos acorden as palabras que en tempos dixeron os santos profetas e o mandamento do Señor e Salvador, que vos transmitiron os vosos apóstolos.

3 Antes de nada, tede presente que nos derradeiros días virán uns que farán riso de todo e que se comportarán segundo os seus propios antollos.

4 Estes dirán: "Que queda da promesa da súa volta? Pois desde que morreron os nosos pais, todo segue igual que estaba desde o principio do mundo".

5 Pero así esquécense adrede de que o ceo existe desde antigo e de que, pola palabra de Deus, a terra se formou da auga e subsiste mediante a auga.

6 E por isto o mundo de entón pereceu alagado na auga.

7 En canto ó ceo e mais á terra actuais, a mesma palabra os ten reservados para o lume e gárdaos para o día do xuízo e da perdición dos impíos.


Sentido desta demora e conseguintes esixencias de santidade no cristián

8 Meus amigos, que non vos esqueza unha cousa: que para o Señor un día élle coma mil anos; e mil anos sonlle coma un día.

9 Non está retrasando Deus o cumprimento do que prometeu, aínda que algúns o crean así: o que pasa é que ten paciencia convosco, porque non quere que ninguén pereza senón que a todos lles dea tempo a se converteren.

10 Máis ben o día do Señor virá coma un ladrón: daquela os ceos desaparecerán con estrondo; os elementos disolveranse abrasados de calor; e a terra e todas as obras que hai nela nin se atoparán.

11 Xa que todo isto se ha disolver desta maneira, con que santo xeito e prácticas de piedade tedes que vivir

12 mentres esperades e suspirades pola chegada do día de Deus! Porque é neste día cando os ceos incendiados se han disolver e os elementos abrasados de calor se han derreter.

13 Pero nós, conforme á súa promesa, esperamos un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza.


Derradeiras recomendacións

14 Por iso, meus amigos, mentres agardades isto, collede a peito que El vos atope en paz, sen tacha nin defecto.

15 Tede por seguro que a paciencia do noso Señor é sinal de salvación, como xa o noso benquerido irmán Paulo volo escribiu co saber que Deus lle deu.

16 El fala diso en todas as cartas. Aínda que nelas hai algunhas cousas difíciles de entender, que a xente ignorante e pouco firme interpretan retortamente para a súa propia ruína, como fan co resto das Escrituras.

17 Polo tanto vós, meus amigos, ben avisados, estade en vela, para non perderdes a vosa firmeza, arrastrados polo erro de xente sen conciencia.

18 Non; vós crecede na graza e no coñecemento do noso Señor e Salvador, Xesús Cristo. A el sexa a gloria, agora e deica o día eterno. Amén.

Lean sinn:



Sanasan