2 Pedro 2 - Biblia SEPTDenuncia dos falsos mestres 1 O mesmo que houbo no pobo xudeu profetas falsos, tamén haberá entre vós falsos mestres, que meterán arteiramente herexías perniciosas; ó negaren o Señor que os rescatou, carrexan para si unha rápida perdición. 2 Moitos extraviándose, seguirán o camiño dos libertinos e por culpa deles maldicirase o camiño verdadeiro. 3 Pois, por cobiza, hanvos explotar con discursos arteiros: a sentencia que merecen xa hai tempo que non folga; e a perdición que lles vén enriba non está a durmir, de certo. Condena dos pecadores e salvación dos xustos 4 Pois Deus non perdoou os anxos que pecaron senón que os botou ós alxubes escuros do inferno, gardándoos alí para o xuízo. 5 Tampouco non lle perdoou ó mundo antigo senón que, cando mandou o cataclismo a aquel mundo de impíos, soamente gardou seguras a oito persoas con Noé, o pregoeiro da xustiza; 6 e condenou as cidades de Sodoma e Gomorra volvéndoas cinsa, deixando deste xeito e para sempre un escarmento para os impíos. 7 Pero librou ó xusto Lot, atormentado polo comportamento lascivo daquela xente sen decencia, 8 pois como era un home xusto, co que lles vía e lles oía ós homes entre os que vivía un día e outro día, doíanlle na súa alma santa aquelas accións inicuas. 9 Deste xeito o Señor sabe ben como librar da proba os homes piadosos; e, en troques, tamén sabe gardar para o día do xuízo os culpables, que xa van ser castigados, 10 maiormente os que van tras dos desexos impuros da carne e os que desprezan a autoridade do Señor. Ousados, pagados de si, destemidos, maldicen os Seres Gloriosos, 11 cando nin os mesmos anxos, con seren maiores ca eles en forza e poder, non se atreven a lles botar unha maldición diante do Señor. 12 Pero esa xente, coma animais irracionais, nacidos e destinados para que os cacen e os maten, por maldiciren o que nin sequera coñecen, morrerán cunha morte coma a destes animais. 13 Recibirán así a paga dos seus erros, xa que pensan que a felicidade consiste en andar de esmorga en pleno día. Que noxo e que vergonza, cando, comendo convosco, se enzoufan nos seus praceres! Denuncia dos seus pecados na comunidade e contra ela 14 Os seus ollos non se enchen de adulterar nin se cansan de pecar; andan á caza dos acabados de converterse, coñecen todas as mañas da cobiza, naceron para a maldición. 15 O deixaren o camiño dereito, extraviáronse, seguindo o camiño de Balaam, fillo de Bosor, quen cobizou a paga por profetizar cousas inxustas; 16 pero tivo quen lle botase na cara o seu pecado: unha burriña sen fala falou con voz de home e parou a loucura do profeta. 17 Son coma fontes secas, nubes mouras empurradas por unha tormenta: a negra escuridade está gardada para eles. 18 Pois con discursos que soan moi ben pero que non din cousa ó caso e aproveitando as paixóns lascivas da carne, cazan ós que hai pouco se apartaron dos que vivían no erro. 19 Prométenlles liberdade, eles que son escravos da corrupción porque o que nos vence, escravízanos. 20 Se os que se libran das inmundicias do mundo, grazas a coñeceren ó noso Señor e Salvador Xesús Cristo, se deixan enlizar e vencer de novo polas mesmas inmundicias, o seu final vénlles ser peor do que o principio. 21 Máis lles valía non coñecer o vieiro da xustiza, antes que, de coñecido, volverse atrás do cumprimento da santa doutrina que se lles entregou. 22 Pasoulles o daquel atinado O can que vomitou, o vómito papou e aqueloutro: "Porca lavada envorcállese no bulleiro". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)