Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Pedro 1 - Biblia SEPT


Saúdo

1 Simón Pedro, servidor e apóstolo de Xesús Cristo, ós que tiveron a sorte de recibir unha fe de tanta estima coma a nosa, debido ó xusto reparto de Xesús Cristo, noso Deus e Salvador:

2 que vos aumente a graza e a paz, ó irdes coñecendo mellor a Deus e a Xesús, noso Señor.


O camiño do Reino de Xesús

3 O coñecermos a Aquel, que nos chamou coa súa propia gloria e coa súa forza, o seu poder divino convidounos con todo canto precisamos para a vida e para a piedade.

4 Con esa gloria e esa forza tamén nos convidou ós máis preciosos e mellores bens prometidos, para que por estes bens, fuxindo da podremia que o egoísmo produce no mundo, sexades partícipes da natureza de Deus.

5 Por iso mesmo, con toda a dilixencia, coidade fomentar coa vosa fe a virtude; coa virtude, o xuízo moral;

6 co xuízo moral, o dominio de vós mesmos; co dominio de vós, a constancia; e coa constancia, a piedade;

7 coa piedade, o agarimo de irmáns; e co agarimo, o amor.

8 Pois ben, se xa sodes donos destas boas calidades e van en aumento en vós, non vos deixarán ser nugalláns e estériles para conseguirdes coñecer o noso Señor Xesús Cristo.

9 Porque o que non as ten é un cego, que non ve de lonxe, xa que lle esqueceu a purificación dos seus pecados pasados.

10 Por isto, irmáns, esforzádevos cada vez máis en asegurarvos a chamada e a elección que se fixo de vós. Se obrades así, endexamais non fracasaredes,

11 pois deste xeito hásevos franquear a entrada no Reino eterno do noso Señor e Salvador Xesús Cristo.


Finalidades da carta

12 E así eu teimarei sempre en vos lembrar estas cousas, aínda que xa as coñecedes e estades firmes na verdade que recibistes.

13 Mentres vivo nesta tenda, penso que é o meu deber espertarvos cun testamento espiritual,

14 sabendo que logo teño que abandonar a miña tenda, como mostrou o noso Señor Xesús Cristo.

15 Coidarei, logo, de que, en toda ocasión, aínda despois da miña morte, vos poidades lembrar destas cousas.


O testemuño do apóstolo e o da palabra profética

16 Se vos demos a coñecer a vinda poderosa do noso Señor Xesús Cristo, non foi guiándonos por contos argallados con habilidade, senón porque fomos testemuñas oculares da súa grandeza.

17 Pois recibiu honor e gloria de parte de Deus Pai, cando desde a sublime Gloria lle chegou aquela voz tan especial: "Este é o meu Fillo, o meu predilecto, o Fillo do meu contento".

18 Esta voz oímola nós vir do ceo, estando con el no monte santo.

19 Deste xeito temos confirmación da palabra profética, á que facedes ben en estardes atentos, coma un candil aceso en lugar escuro, ata que alborexe o día e o luceiro da alba naza nos vosos corazóns.

20 Antes que nada, dádevos conta disto: que ningunha profecía da Escritura é obxecto de interpretación privada.

21 Porque ningunha profecía se fixo por proxecto de home senón que, sendo homes, falaron de parte de Deus, levados polo Espírito Santo.

Lean sinn:



Sanasan