2 Crónicas 3 - Biblia SEPTConstrución do Templo 1 Comezou, pois, Salomón a edificar o templo de Iavé en Xerusalén, no monte Móriah, onde se manifestara Deus a seu pai David, no lugar onde David fixera os preparativos, na eira de Ornán o iebuseo. 2 Deu comezo ás obras o segundo mes do cuarto ano do seu reinado. 3 Este é o plano sobre o que Salomón edificou o templo de Deus: setenta cóbados de lonxitude, en cóbados de medida antiga, e vinte cóbados de anchura. 4 O vestíbulo que estaba diante da nave do templo tiña unha lonxitude de vinte cóbados correspondente ó ancho do templo, e unha altura de cento vinte. Salomón recubriuno por dentro de ouro puro. 5 Revestiu a sala grande de madeira de ciprés e recubriuna de ouro fino, facendo esculpir nela palmas e cadeíñas. 6 Para adornar o templo revestiuno tamén de pedras preciosas; o ouro era ouro de Parvaím. 7 Recubriu de ouro o templo, as trabes, os limiares, as súas paredes, e as súas portas, e esculpiu querubíns nas paredes. 8 Construíu tamén a sala do Santo dos Santos, cunha lonxitude correspondente ó ancho do templo, que era de vinte cóbados. Revestiuno de ouro puro, que pesaba seiscentos talentos. 9 Os cravos de ouro pesaban cincuenta siclos. Cubriu tamén de ouro as salas altas. 10 No interior da sala do Santo dos Santos fixo dous querubíns, de obra esculpida, que revestiu de ouro. 11 As ás dos querubíns tiñan vinte cóbados de longo. Unha á era de cinco cóbados e tocaba a parede da sala; a outra á tiña tamén cinco cóbados e tocaba a á do outro querubín. 12 A á do segundo querubín era de cinco cóbados e tocaba coa á do primeiro querubín. 13 As ás despregadas destes querubíns medían vinte cóbados. Estaban de pé, e coas súas facianas voltas cara á sala. 14 Fixo tamén o veo de púrpura violeta, púrpura escarlata, carmesí e liño fino no que fixo pór querubíns. 15 Diante da sala fixo dúas columnas de trinta e cinco cóbados de alto. O capitel que as coroaba tiña cinco cóbados de alto. 16 Máis tarde fixo cadeíñas e colocounas sobre o remate das columnas; fixo tamén cen granadas que puxo nas cadeíñas. 17 Ergueu as columnas diante da entrada, unha á dereita e outra á esquerda, e chamou á da dereita Iaquín e á da esquerda Boaz. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)