2 Corintios 9 - Biblia SEPTMotivos de xenerosidade cristiá 1 Escuso escribirvos máis sobre esta colecta en favor dos outros cristiáns. 2 Coñezo a vosa boa disposición, da que me gabo diante dos macedonios, para a vosa honra, dicíndolles que Acaia ten feitos todos os preparativos xa desde o ano pasado, e que a vosa ansia estimulou a moitos máis. 3 Con todo, mándovos os irmáns, para que o noso orgullo por vós non sexa desmentido nese particular senón que, como dicía, esteades preparados. 4 Non sexa que, se os macedonios que vaian comigo vos atopan sen preparar, nós e non digamos vós, quedemos mal, por termos esa confianza. 5 Por iso pareceume necesario pedirlles ós irmáns que fosen indo diante onda vós, para que teñan preparado de antemán o xeneroso donativo que prometestes, pois no caso de estar listo, será expresión de xenerosidade, e non de mesquindade. 6 Lembrade aquilo: quen sementa con mesquindade, tamén con mesquindade recolle; e quen sementa con xenerosidade, tamén con xenerosidade recolle. 7 Que cadaquén dea segundo o que teña decidido no corazón, non contra gusto nin por compromiso, que Deus ama ó que dá con alegría. 8 Deus, pode, de certo, darvos con largueza toda clase de grazas, de xeito que, tendo sempre en todo o suficiente, aínda vos sobre para todo tipo de boas obras, 9 pois está escrito: reparte esmola ós pobres, a súa xustiza permanece para sempre. 10 O que fornece a semente ó sementador e proporciona pan para a comida, ha multiplicar tamén a vosa sementeira e fará medrar o froito da vosa xustiza. 11 Seredes ricos en todo, para poderdes facer todo tipo de caridades, que producirán por medio de nós gratitude a Deus. 12 Porque a prestación desta axuda non só dá remedio ás necesidades dos outros cristiáns, senón que fai ademais que moitos non cansen de darlle grazas a Deus. 13 Pola comprobación deste servizo loarán a Deus pola vosa obediencia ó profesar o Evanxeo de Cristo e pola expresión xenerosa da vosa solidariedade con eles e con todos. 14 E, cando recen por vós, manifestarán a benquerenza que vos teñen, pola desbordante graza de Deus en favor voso. 15 Grazas sexan dadas a Deus, polo sublime regalo que nos deu. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)