Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Corintios 8 - Biblia SEPT


Colecta para os cristiáns de Xerusalén: o exemplo dos macedonios

1 Facémosvos sabedores, irmáns, da graza que Deus lles concedeu ás igrexas de Macedonia.

2 No medio de moitas e duras tribulacións, a súa abondosa alegría e a súa extrema pobreza rebordaron nun derramo de xenerosidade.

3 Dou testemuño de que, segundo os seus posibles e por riba deles, espontaneamente e

4 insistentemente pedíronnos o favor de poderen contribuír a axudar ós outros cristiáns.

5 E non só como esperabamos, senón que se ofreceron a si mesmos, ante todo ó Señor e despois a nós, por vontade de Deus,

6 Ata o punto de lle pedirmos a Tito que, xa que el a principiara, levase igualmente a bo termo entre vós esa obra de caridade.

7 Xa que abundades en todo en fe, en palabras, en ciencia, en interese por todo e en amor a nós, que abundedes tamén nesta graza.

8 Non é unha orde; só que, pola solicitude doutros, quede probada a enxebreza do voso amor.

9 Ben sabedes o xeneroso que é o noso Señor Xesús Cristo: sendo rico, fíxose pobre por vós, para que vós vos fixésedes ricos coa súa pobreza.

10 Nisto douvos un consello, pois convenvos: dado que o ano pasado tomastes a iniciativa non só na execución, senón incluso na mesma decisión,

11 levade a termo agora a execución da iniciativa, de modo que, á prontitude da decisión lle corresponda a prontitude na realización, conforme ás vosas posibilidades;

12 pois se precede a boa disposición, acéptase con gusto o que se ten, non o que non se ten.

13 Non se trata de que vós pasedes apuros por aliviardes a outros, senón de que exista igualdade.

14 Neste momento a vosa abundancia pode remediar a carencia deles, para que a abundancia deles poida vir en auxilio da vosa carencia. Así haberá igualdade,

15 de acordo co que está escrito: A quen recollía moito, non lle sobraba; e a quen recollía pouco, non lle faltaba.


Os delegados

16 Doulle grazas a Deus porque puxo no corazón de Tito o mesmo interese por vós,

17 porque non só aceptou a miña petición senón que, con toda dilixencia, saíu para onda vós por decisión propia.

18 Mandamos con el o irmán tan coñecido en todas as igrexas polo anuncio que fai do Evanxeo:

19 e mesmo isto o elixiron as comunidades, para que fose o meu compañeiro de viaxe nesta obra de caridade, administrada por nós para gloria do Señor, e como proba da nosa dilixencia.

20 Así evitamos que ninguén nos poida criticar pola administración desta farturenta colecta.

21 Pois procuramos o que é bo, non só diante do Señor senón tamén diante dos homes.

22 Mandámosvos tamén con eles outro irmán noso: del temos comprobado que é moi espelido en variados asuntos; e agora véselle aínda, se cadra, máis interese pola confianza que ten en vós.

23 No que se refire a Tito, é compañeiro meu e colaborador nos vosos asuntos; os outros irmáns son delegados das igrexas e honra de Cristo.

24 Dádelles, logo, probas do voso agarimo e xustificade ante eles e ante as súas comunidades o noso orgullo por vós.

Lean sinn:



Sanasan