2 Corintios 7 - Biblia SEPT1 Xa que tales promesas temos, meus amigos, limpémonos de toda inmundicia de corpo ou de espírito e completemos a santificación no temor de Deus. Cariño de Paulo polos corintios 2 Facédenos un sitio no voso corazón: a ninguén ofendemos, a ninguén defraudamos, a ninguén explotamos. 3 Non o digo para vos censurar; xa vos dixen que ides tan dentro dos nosos corazóns que estamos xuntos para vivir e mais para morrer. 4 Teño moita confianza en vós e estou orgulloso de vós. Estou moi animado e rebordo alegría no medio de todas as nosas tribulacións. 5 Certo que tampouco ó chegar a Macedonia non tivemos acougo, senón ó contrario, tribulacións por todas partes: cara a fóra, loitas; e cara a dentro, temores. 6 Pero Deus, que lles dá alento ós abatidos, consoloume coa chegada de Tito. 7 Vaia, coa chegada e cos ánimos que traía de vós, contándome da vosa saúde, das vosas mágoas, da vosa ansia por min, o que me alegrou aínda máis. 8 Por iso, a pesar de que vos contristei coa miña carta, non teño pena. Se o sentía ó ver que aquela carta vos contristou, aínda que foi momentaneamente, 9 Agora alégrome, non de que vos contristásedes senón de que esa tristeza vos levase ó arrepentimento. A vosa foi unha tristeza segundo criterios de Deus, así que non perdestes nada por culpa nosa. 10 Pois unha tristeza segundo criterios de Deus produce un arrepentimento para a salvación, sen volta atrás; mentres que a tristeza por motivos mundanos produce a morte. 11 Velaí canta ansia provocou en vós o contristarvos segundo criterios de Deus e mesmo con que desculpas e con que indignación, con que temor, con que saudade, con que emulación, con que escarmento demostrastes de todos os modos posibles que non tiñades culpas no asunto. 12 Así que, se vos escribín, non foi en realidade nin polo ofensor nin polo ofendido; só quería que manifestásedes diante de Deus o interese que tedes por nós. 13 E isto foi o que nos consolou. Ademais desta satisfacción, alegrámonos moito máis aínda ó ver a alegría de Tito, a quen tanto tranquilizastes. 14 Se en algo presumín de vós, non quedei mal; do mesmo modo que vos dixemos sempre a verdade, así tamén as loanzas que de vós lle fixen a Tito saíron certas. 15 E o agarimo que vos ten medra aínda máis, ó lembrar agora a obediencia de todos vós, e como o recibistes con sumo respecto. 16 Alégrome de poder contar convosco para todo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)