Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Corintios 6 - Biblia SEPT


Os apertos do ministerio apostólico

1 Coma colaboradores seus, exhortámosvos a non desaproveitar a graza de Deus.

2 Pois di El: no tempo oportuno, escoiteite; en día de salvación acudinche. Pois agora é tempo oportuno, agora é día de salvación.

3 Nunca damos motivo de escándalo en nada, para que o noso ofrecemento non se poida censurar.

4 O contrario, acreditámonos decote coma servidores de Deus con tanto como sufrimos: tribulacións, adversidades, angustias,

5 golpes, prisións, tumultos, angueiras, noites en vela, días sen comer;

6 Actuando con limpeza, con siso, con paciencia, con bondade, coa guía do Espírito Santo; con amor sincero,

7 coa mensaxe da verdade e a forza de Deus; empuñando na dereita e na esquerda as armas da honradez,

8 tanto na honra coma na afronta, tanto na boa coma na mala sona. Pasamos por falsarios, e mais dicimos a verdade;

9 pasamos por descoñecidos, e ben que se nos coñece; pasamos por moribundos, e mais ben vivos que estamos; pasamos por destinados ó castigo, e mais nunca non nos executaron;

10 pasamos por xente triste, e ben alegres que estamos sempre; pasamos por pobres, e mais enriquecemos a moitos; pasamos por xente que non ten nada, e mais témolo todo.

11 Falámosvos francamente, corintios; abrímosvos de todo o noso corazón.

12 Non é dentro de nós onde estades apertados; é, máis ben, nas vosas entrañas.

13 Pois correspondede vosoutros agora: xa que vos falo coma a fillos, sede sinceros tamén vós.


As relacións cos pagáns

14 Nos vos xungades en parella desigual cos infieis. Que ten que ver a rectitude coa maldade? Ou é que poden andar xuntas luz e escuridade?

15 Que sintonía pode haber entre Cristo e Beliar? Pode o crente ser parceiro do infiel?

16 Que consenso pode haber entre o templo de Deus e mais os ídolos? Nós somos templo de Deus vivo; así o dixo Deus: hei vivir e camiñar con eles; serei o seu Deus e eles serán o meu pobo.

17 Por iso di o Señor: saíde do medio desa xente, afastádevos, non toquedes o que é impuro, e eu acollereivos.

18 Serei un pai para vós e vós seredes para min fillos e fillas, di o Señor que todo o sostén.

Lean sinn:



Sanasan