2 Corintios 5 - Biblia SEPTArelas de vida eterna 1 Sabemos que, se a nosa morada terrestre que vén ser coma unha cabana, se derrubase, contamos cunha edificación de Deus, unha casa eterna no ceo, non feita por mans de homes. 2 Por iso xememos na cabana actual, coa arela de vestirmos a morada celeste, 3 pois así atoparémonos vestidos, non espidos. 4 Os que vivimos nesta cabana, xememos oprimidos, porque non queremos quitar o que temos posto, senón poñer outra roupa por riba, de xeito que o mortal quedase absorbido pola vida. 5 Quen nos dispuxo para isto foi Deus, que nos deu como garantía o Espírito. 6 Así que estamos sempre cheos de ánimo por sabermos que, mentres o corpo sexa o noso domicilio, vivimos coma desterrados lonxe do Señor, 7 e seguimos camiñando guiados pola fe, non polo que se ve. 8 E con este ánimo, preferimos desterrarnos do corpo e habitar a carón do Señor. 9 En todo caso, ora continuemos neste domicilio ora nos afastemos del, arelamos agradarlle. 10 Porque todos teremos que comparecer tal como somos perante o tribunal de Cristo, para que cada un recolla o seu merecido polo que teña feito mentres vivía no corpo: ben ou mal. A reconciliación con Deus, por Xesús 11 Por iso, sabendo o respecto que se lle debe ó Señor, procuramos convencer ós homes, e xa que para Deus somos transparentes, confío en que tamén o sexamos ante as vosas conciencias. 12 Non queremos outra vez recomendarnos diante de vós: só darvos a oportunidade de presumir de nós, de modo que teñades resposta para os que presumen das aparencias e non do corazón. 13 Se perdemos o siso, foi por Deus; e, se agora estamos cordos, é por vós. 14 É o amor de Cristo o que nos preme, cando pensamos que, ó morrer un por todos, morreron todos; 15 el morreu por todos, a fin de que os que viven xa non vivan para si, senón para o que morreu e resucitou por eles. 16 Por iso, nós xa non apreciamos a ninguén conforme a criterios mundanos; aínda que teñamos coñecido a Cristo conforme a eses criterios, agora xa non o coñecemos así. 17 Polo tanto, quen estea en Cristo, é unha criatura nova: o que era vello, pasou. Vedes? Hai unha realidade nova. 18 E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación. 19 Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación. 20 Somos, logo, embaixadores de Cristo; e é coma se Deus vos exhortase por medio noso. Pedímosvolo por Cristo: deixádevos reconciliar con Deus. 21 A aquel que non tiña nada que ver co pecado, Deus fíxoo pecado por nós, para que nós, grazas a el, nos volvésemos nel xustiza de Deus. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)