Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Corintios 3 - Biblia SEPT


O ministerio da Nova Alianza

1 Comezamos outra vez a recomendarnos? Será que, coma certos individuos, precisamos de cartas de recomendación para vós ou da vosa parte?

2 A nosa carta sodes vós: unha carta escrita nos nosos corazóns, coñecida e lida por toda a xente.

3 Nótasevos que sodes unha carta de Cristo, redactada por nós, e non escrita con tinta senón co Espírito do Deus vivo; e non en táboas de pedra, senón en táboas de corazóns de carne.

4 Esta é a confianza que temos diante de Deus, grazas a Cristo.

5 Non é que de noso teñamos aptitudes para poder apuntar nada na nosa conta coma cousa propia: a nosa capacidade vénnos de Deus,

6 que nos capacitou para sermos axentes dunha alianza nova, non de letra, senón de Espírito; que a letra mata, mentres que o Espírito dá vida.

7 Se aquela oferta de morte (letras gravadas na pedra) se volveu gloria, ata o punto que os israelitas non podían fitar o rostro de Moisés, "polo resplandor do seu rostro" (efémero e todo como era),

8 canto máis gloriosa non será a oferta do Espírito!

9 Porque se a oferta da condena tivo gloria, canta máis gloria vai ter a oferta da xustiza!

10 De feito aquela gloria xa non é gloria, comparada con esta gloria desbordante.

11 Daquela se o efémero tivo o seu momento de gloria, canta máis gloria terá o que é permanente!

12 Tendo entón esta esperanza, comportámonos con moita afouteza;

13 non coma Moisés, que puña un pano por diante da cara para que os israelitas non percibisen a fin do que era caduco.

14 E cegóuselles o entendemento, porque ata o día de hoxe permanece aínda o mesmo pano cando len o Antigo Testamento, sen se decataren de que, con Cristo, esvaece.

15 Aínda hoxe, sempre que len a Moisés, un pano cobre os seus corazóns.

16 "Pero cando se convertan ó Señor, quitarase o pano".

17 Ora, o Señor é o Espírito, e onde está o Espírito do Señor hai liberdade.

18 E nós todos, coa cara descuberta, reflectindo coma nun espello a gloria do Señor, a súa imaxe, ímonos transformando de gloria en gloria, pola acción do Espírito do Señor.

Lean sinn:



Sanasan