2 Corintios 2 - Biblia SEPT1 E tomei a decisión de non ir outra vez onda vós con mágoas. 2 Porque, se eu vos entristezo, quen me vai alegrar a min, non sendo o que está magoado por causa miña? 3 E escribinvos todo iso para que, cando eu chegase, non me causasen tristeza os que me debían producir alegría, confiado como estou en que todos facedes vosa a miña alegría. 4 De tanta tribulación e angustia que sentía, escribinvos cheo de bágoas, pero non para vos poñer tristes, senón para que vos decatásedes do moito cariño que vos teño. 5 Porque sen esaxerar se alguén me magoou, non me magoou a min, senón dalgunha maneira a todos vós. 6 A ese tal, abóndalle a corrección aposta pola maioría da comunidade. 7 Agora, en troques, é mellor que o perdoedes e que o animedes, non vaia sentirse o home amargado por tanta tristeza. 8 Por iso recoméndovos que lle fagades sentir o voso agarimo. 9 Pois para iso tamén vos escribín: para coñecer a vosa compostura, a ver se sodes obedientes en todo. 10 A quen vós perdoades algo, tamén eu perdoo: que, ben mirado, o que eu perdoo se algo teño que perdoar, é por causa vosa, diante de Cristo, 11 para que Satán non saque vantaxe de todo isto, pois non descoñecemos as súas intencións. 12 Cando cheguei a Tróade para anunciar o Evanxeo de Cristo, aínda que tiña as portas abertas para traballar coma cristián, 13 non tiven acougo no meu espírito, por non encontrar alí o irmán Tito. Entón despedinme daquela xente e saín para Macedonia. A salvación "en Cristo" 14 Doulle grazas a Deus, que, unidos a Cristo, nos leva decote ó seu triunfo e que por medio de nós espalla por todas partes o perfume do seu coñecemento. 15 Porque somos recendo de Cristo para Deus, tanto entre os que se salvan coma entre aqueles que se perden: 16 para estes somos un cheiro de morte, para morte; para os outros, un recendo de vida, para vida. E nestas cousas, hai alguén capaz abondo? 17 Nós, de feito, non imos traficando coa mensaxe de Deus, coma tantos outros, senón que falamos con transparencia, coma quen é de Deus e fala diante de Deus, en Cristo. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)