Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Corintios 13 - Biblia SEPT

1 Vou ir por terceira vez onda vós. Todo asunto resolverase baseándose na palabra de dúas ou tres testemuñas.

2 Xa antes volo dixen, cando estiven entre vós a segunda vez e repítovolo con tempo agora que estou ausente ós antigos pecadores e ós demais todos: cando vaia aí outra vez, non vou andar con miramentos.

3 Será a proba que buscades de que fala por min Cristo, que non é débil convosco, senón que demostra o seu poder entre vós.

4 A el crucificárono pola súa febleza pero agora vive polo poder de Deus. E nós, que compartimos a súa debilidade, viviremos con el polo poder de Deus en favor voso.

5 Examinádevos a vós mesmos, para ver se estades na fe; poñédevos a proba. Ou non vos decatades de que Xesús Cristo está entre vós? A non ser que esteades reprobados...

6 Espero, con todo, que recoñezades que a nós non nos reprobaron.

7 Pedímoslle a Deus que non vos fagades mal ningún: non por quedarmos nós ben, senón para que vosoutros practiquedes o que é bo, aínda que nós quedemos reprobados.

8 Porque contra a verdade non podemos nada pero si a favor da verdade.

9 Por iso alegrámonos de ser febles, con tal de que vós sexades fortes. O que pedimos é a vosa perfección.

10 Por iso mesmo vos escribo estas cousas mentres estou ausente, para non ter que ser tallante cando estea presente, coa autoridade que o Señor me deu para construír, non para derrubar.


Despedida

11 Do resto, irmáns, estade alegres, procurade a perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco.

12 Saudádevos uns ós outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.

13 Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.

Lean sinn:



Sanasan