2 Corintios 11 - Biblia SEPTAutodefensa de Paulo 1 Ai, se me aturásedes un pouco de tolería! Aturádema, veña! 2 É que sinto celos de vós, os celos de Deus, pois quíxenvos desposar cun único marido, presentándovos a Cristo coma unha virxe pura. 3 Temo que, así como a serpe seduciu a Eva coa súa astucia, así tamén se trastornen os vosos criterios, arredándovos da sinceridade que lle debedes a Cristo. 4 Porque se vos vai alguén anunciar outro Xesús diferente do que vos anunciamos nós, ou se recibides un espírito diferente do que recibistes, ou un evanxeo diferente do que aceptastes, vós aturádelo coma se nada. 5 Pois eu non me considero menos do que eses super-apóstolos. 6 Terei pouca elocuencia pero non pouca ciencia e téñovolo demostrado en todo e de moitos xeitos. 7 Ou é que fixen mal en abaixarme para elevarvos a vós, anunciándovos de balde o Evanxeo de Deus? 8 Para podervos servir a vós, tiven que despoxar outras igrexas, aceptando unha paga. 9 E, mentres estiven entre vós, por moitos apuros que pasase, non fun carga para ninguén: os irmáns que viñeron de Macedonia subvencionaron as miñas necesidades; gardeime e gardareime de servos gravoso en nada. 10 Pola verdade de Cristo que hai en min: dígovos que esta honra non ma vai quitar ninguén nas rexións de Acaia. 11 Por que? Porque non vos quero? Ben o sabe Deus! 12 O que veño facendo seguireino a facer, a fin de privar a eses do pretexto que buscan para se poderen gloriar de ser iguais ca nós. 13 Os tales son falsos apóstolos, traballadores trampulleiros, disfrazados de apóstolos de Cristo. 14 Pero non é estraño, porque o mesmo Satán se disfraza de anxo da luz; 15 non é por demais que tamén os seus servidores se disfracen de servidores da xustiza. Pero a fin desa xente ha ser conforme as súas obras. As súas tribulacións polo Evanxeo 16 Repito: que ninguén coide que eu son un insensato. E, se non, se por insensato me tedes, deixade que tamén eu alardee un pouco. 17 O que vou dicir, non o digo conforme o Señor, senón coma na tolería, no suposto da presunción. 18 Xa que tantos se gaban de glorias humanas vou presumir eu tamén, 19 que vós, tan sensatos, soportades con gusto ós insensatos. 20 Soportades que vos escravicen, que vos devoren, que vos exploten, que vos traten con arrogancia, que vos dean labazadas. 21 Con vergonza dígoo: somos, de certo, demasiado febles... Pero no que outro se atreva e dígoo na tolería, eu tamén me atrevo. 22 Que eles son hebreos? Eu tamén. Que son israelitas? Eu tamén. Que son eles da semente de Abraham? Eu tamén. 23 Que son servidores de Cristo? Vou dicilo desvariando: pois eu sono máis ca eles. Gáñolles en traballos, gáñolles en prisións; sen comparanza en malleiras e en perigos de morte. 24 Cinco veces recibín dos xudeus as corenta azoutas menos unha; 25 tres veces me flaxelaron, unha vez apedráronme; tres veces naufraguei, chegando a pasar unha noite e un día perdido no mar. 26 En andainas frecuentes: con perigos de ríos, perigos de salteadores, perigos da parte dos da miña raza, perigos da parte dos xentís, perigos na cidade, perigos no despoboado, perigos no mar, perigos entre falsos irmáns. 27 En traballos e canseiras, en abondas noites sen durmir, con fame e sede, a miúdo sen comer, con frío e sen roupa que vestir. 28 E amais doutras cousas, a miña angueira de cada día: a preocupación por todas as igrexas. 29 Quen esmorece, sen que esmoreza eu? Quen sofre escándalo, sen que eu me abrase? 30 Se hai que presumir, presumirei da miña fraqueza. 31 O Deus e Pai do noso Señor Xesús que é bendito polos séculos ben sabe que non minto. 32 En Damasco o gobernador do rei Aretas tiña baixo vixilancia a cidade toda, para me prender; 33 pero descolgáronme por unha fiestra da muralla, metido nun cesto e así fuxinlle das mans. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)