2 Corintios 10 - Biblia SEPTA autoridade de Paulo 1 Eu, Paulo en persoa, pídovos isto, pola paciencia e benignidade de Cristo: eu, que na vosa presenza parezo coitado pero que, ausente, son ousado convosco. 2 Pídovos que, cando vaia, non teña que poñerme atrevido coa firmeza que creo deber usar con algúns que nos acusan de camiñar con miras humanas. 3 Aínda que camiñamos coma homes, non actuamos movidos por miras humanas. 4 Porque as armas do noso combate non son terreais: son poderes de Deus, capaces de abater fortalezas; destruímos sofismas 5 e toda altivez que se ergue contra o coñecemento de Deus; encadeamos todo pensamento á obediencia, someténdoo a Cristo; 6 e estamos prontos a vingar toda rebeldía, unha vez que a vosa submisión sexa cumprida. 7 Mirade ben! O que estea convencido de ser de Cristo, que teña en conta tamén que nós somos tan de Cristo coma el. 8 E, aínda que teña que alardear un pouco de máis da nosa autoridade (que o Señor nos concedeu para edificación e non para destrución vosa), non me hei avergonzar; 9 Así non darei a impresión de querervos amedrentar coas cartas. 10 Porque algúns din: "por carta é duro e enérxico pero en persoa é coitado e non fala ben". 11 Pense ese tal que, como somos de palabra nas cartas estando ausentes, así imos ser de obra cando esteamos presentes. 12 Xa non nos atrevemos a equipararnos ou a compararnos con algúns deses que tanto se chufan. Pero a eses, con tanto se poñeren de modelos de si mesmos e con tanto se compararen consigo mesmos, xa non lles goberna a cabeza. 13 Pola nosa parte, non nos queremos gabar de máis, senón conforme a medida que estableceu Deus para nós; a medida de chegar ata vós. 14 Non é coma se non chegásemos a vós e tivésemos que nos estirar, pois fomos os primeiros en chegar a vós co Evanxeo de Cristo. 15 Nin nos gloriamos de máis nin nos gloriamos á conta de traballos alleos; pero tiñamos a esperanza de que, segundo se ía espallando a fe entre vós, iámonos multiplicar máis e máis, conforme a nosa idea, 16 para levar o Evanxeo alén dos vosos eidos, sen presumir do traballo alleo meténdonos en terreo xa cultivado. 17 O que presume, que presuma do Señor, 18 porque non queda aprobado o que se pon el unha alta cualificación, senón aquel a quen lla pon o Señor. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)