Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

2 Corintios 1 - Biblia SEPT


Saúdo e acción de grazas

1 Paulo, apóstolo de Xesús Cristo por designio de Deus, e o irmán Timoteo, á Igrexa de Deus que está en Corinto e a todos os cristiáns da Acaia enteira deséxovos a

2 graza e a paz de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.

3 Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, Pai misericordioso e Deus de toda consolación!

4 El anímanos en todas as nosas mágoas, de xeito que poidamos nós animar os outros en calquera aflición, no consolo que recibimos de Deus.

5 Pois, do mesmo modo que rebordan en nós os sufrimentos de Cristo, tamén grazas a Cristo reborda igualmente o noso ánimo.

6 Se pasamos apertos, é para que vós teñades ánimo e vos salvedes; se estamos animados, é para que vós teñades ánimo e aturedes con paciencia os mesmos sufrimentos que padecemos nós.

7 Sodes para nós motivo de firme esperanza porque sabemos que, se sodes participantes nas mágoas, tamén o seredes no ánimo.

8 Non queremos que descoñezades, irmáns, as tribulacións que pasamos en Asia, cargados por riba das nosas forzas, ata perder a esperanza de saírmos con vida.

9 Porque tivemos sobre nós a sentencia de morte. Así aprendemos a non poñermos a confianza en nós senón en Deus, que resucita os mortos.

10 El foi quen nos librou de tan evidente perigo de morte e hanos de seguir librando confiamos nel, que nos librará no futuro,

11 se colaborades tamén vós coa vosa oración en favor noso. Así, a graza conseguida pola intercesión de moitos fará tamén que moitos dean grazas por cousa nosa.


Os motivos do seu comportamento

12 O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de nos comportar no mundo e non digamos convosco, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por graza de Deus.

13 Porque non vos escribimos outra cousa do que ledes e entendedes. Espero que comprendades de vez,

14 xa que nos entendestes en parte, que somos o motivo da vosa honra, como vós o ides ser para nós, o día do noso Señor Xesús.

15 Precisamente con esta confianza propúñame comezar eu por visitarvos, para que tivésedes un dobre regalo:

16 pensaba ir a Macedonia pasando por onda vós, e de Macedonia ir outra vez onda vós, para me arranxardes a viaxe a Xudea.

17 Actuei con lixeireza cando programei así? Ou é que eu fago os meus plans con miras humanas, de xeito que non quede ben claro en min o si coma un si e o non coma un non?

18 Ben sabe Deus que, cando trato convosco, non hai si e non,

19 porque o Fillo de Deus, Cristo Xesús, que nós vos anunciamos —Silván, Timoteo e mais eu—, non foi si e non; nel non houbo máis ca si:

20 todas as promesas de Deus encontraron nel o si; velaí o porqué de respondermos "amén" por el cando damos gloria a Deus.

21 O que nos mantén firmes —a min e a vós— na adhesión a Cristo é Deus, que nos unxiu para si,

22 que tamén nos marcou co seu selo e infundiu nos nosos corazóns a garantía do seu Espírito.

23 Pola miña parte, poño a Deus por testemuña (e que me quite a vida se vos minto) que, se aínda non volvín a Corinto, foi por consideración convosco.

24 Non é que a vosa fe dependa de min; pero son colaborador da vosa alegría, pois, de certo, estades seguros na fe.

Lean sinn:



Sanasan