1 Xoán 3 - Biblia SEPT1 Vede o moito que nos quixo o Pai, para nos chamarmos fillos de Deus e sérmolo de verdade. Por iso o mundo non nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El. 2 Meus amigos, xa somos fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando Xesús apareza, nós seremos coma el, xa que o veremos tal e como é. 3 Todo o que ten posta en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma el. 4 Todo aquel que peca comete unha ruindade, xa que o pecado é esa rebeldía. 5 E xa sabedes que el se presentou para quitar os pecados, xa que nel non hai pecado. 6 A quen segue en comuñón con el, non lle dá por pecar: quen peca é que non o viu nin o coñeceu. 7 Meus fillos, que ninguén vos extravíe: quen fai o que é xusto, vólvese xusto, xa que imita a Aquel que é xusto. 8 Quen comete pecado, vén do demo, xa que o demo é pecador desde o comezo. Por isto se fixo ver o Fillo de Deus, para acabar coas obras do demo. 9 Quen naceu de Deus, xa non comete pecado, porque a semente de Deus queda nel: xa non pode pecar, porque naceu de Deus. 10 Nisto é onde se ven os que son fillos de Deus e os que son fillos do demo. Quen non fai o que é xusto, isto é, quen non quere ben a seu irmán, non vén de Deus. Cuarto criterio: o amor ó próximo 11 Porque esta é a mensaxe que oístes desde o comezo: que nós nos amemos uns ós outros. 12 Non coma Caín, que, vindo da caste do demo, degolou a seu irmán. E por que o degolou? Porque os seus feitos eran do demo, mentres que os do seu irmán eran xustos. 13 Non vos admiredes, irmáns, de que o mundo vos teña odio. 14 Ollade que nós sabemos que pasamos da morte á vida en que lles queremos ben ós irmáns; o que non quere ben, permanece na Morte. 15 Quen odia a seu irmán é un asasino e xa sabedes que ningún asasino leva en si a vida eterna. 16 Soubemos o que é o amor desde que el deu a súa vida por nós e entón decatámonos de que nós temos que dar a vida polos irmáns. 17 Pois como pode estar o amor de Deus naquel que, tendo moitos bens deste mundo e vendo pasar necesidade ó irmán, lle cerra as entrañas? 18 Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade. Confianza con Deus 19 Deste xeito saberemos que vivimos conforme a verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus. 20 Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo. 21 Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus 22 e El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada. 23 Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns ós outros, coma el nos mandou. 24 O que cumpre cos seus mandamentos, está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)