Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Xoán 2 - Biblia SEPT

1 Meus filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca, temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador.

2 El é quen expía os nosos pecados; e non só os nosos senón tamén os de todo o mundo.


Segundo criterio: cumprir cos mandamentos, maiormente o do amor

3 Sabemos que o coñecemos de verdade polo feito de que cumprimos cos seus mandamentos.

4 O que di: "Eu coñézoo" pero non cumpre cos seus mandamentos, é un mentireiro e non ten en si a verdade revelada.

5 Quen garda a súa Palabra, nel o amor de Deus chega de verdade ó máximo; nisto é onde coñecemos que estamos con El.

6 Quen di que permanece en comuñón con El, ten que comportarse como Xesús se comportou.

7 Meus amigos, non vos comunico un mandamento novo senón un mandamento antigo, que xa tiñades desde o comezo: este mandamento antigo é a Palabra que daquela escoitastes.

8 E, con todo, comunícovos un mandamento novo: esta novidade é verdadeira sexa polo que a Xesús toca, sexa polo que vos toca a vós, porque a escuridade vai desaparecendo e brilla xa a luz verdadeira.

9 Quen di que está na Luz, pero odia a seu irmán, aínda está na escuridade.

10 Quen ama a seu irmán, está na Luz e nel non hai nada que o faga tropezar.

11 En troques, quen odia a seu irmán, está na escuridade e camiña na escuridade e, por isto, non sabe a onde vai, porque a escuridade lle cegou os ollos.


A verdadeira comuñón con Deus

12 Dígovos, meus fillos, que os vosos pecados están perdoados por mor do seu nome.

13 Dígovos, pais, que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo. Dígovos, mozos, que vós vencestes o Maligno.

14 Díxenvos, por tanto, meus filliños, que vós tedes o coñecemento do Pai. Díxenvos, por tanto, pais. que vós tedes o coñecemento daquel, que é desde o comezo. Díxenvos, por tanto, mozos, que vós sodes valentes, que a Palabra de Deus está dentro de vós, e que por isto vencestes o Maligno.

15 Non lle queirades ben ó mundo nin ó que hai nel. O amor do Pai non pode estar en quen lle queira ben ó mundo.

16 Porque todo o que hai no mundo as inclinacións ó mal, os ollos que endexamais nunca se enchen e o orgullo que dá ter moitos cartos non vén do Pai, senón que vén do mundo.

17 Porque o mundo pasa e as súas cobizas tamén, pero quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre.

18 Meus fillos, estamos na hora derradeira. Conforme oístes, tiña que vir o Anticristo; ollade que xa están aquí moitos anticristos; por isto sabemos que estamos na hora derradeira.

19 Os anticristos saíron dos nosos, aínda que eles non eran dos nosos; se fosen dos nosos habían quedar connosco; pero non, eles saíron para deixar ver que non todos son dos nosos.

20 Vós, en troques, recibistes do Santo unha unción e todos vós tedes o coñecemento.

21 Decidinme a escribirvos, non porque non coñezades a verdade senón xustamente porque xa a coñecedes e porque da verdade non saen mentiras.

22 Quen é o mentireiro, senón o que nega que Xesús é o Mesías? Ese tal é o Anticristo, porque nega ó Pai e ó Fillo.

23 Quen nega ó Fillo, xa non ten comuñón co Pai; e quen profesa a súa fe no Fillo, tamén ten comuñón co Pai.

24 Respecto a vós, ó contrario: que vos quede dentro o que aprendestes desde o comezo. Se o que aprendestes desde o comezo vos queda dentro, tamén vós permaneceredes no Fillo e no Pai,

25 xa que esta é xustamente a promesa que o Fillo nos fixo: a vida eterna.

26 Ben. Dos que vos queren descamiñar, xa chega co dito.

27 Ademais, vós conservades dentro a unción que recibistes de Cristo e deste xeito non precisades que ninguén vos faga de mestre; porque a unción de Cristo que é unha realidade e non unha ilusión xa vos ensina todo. Permanecede nel como ela vos ensinou.

28 Pois logo, meus fillos, seguide en comuñón con el, para que cando se nos manifeste o día que volva, teñamos unha seguridade confiada e non nos sintamos fracasados lonxe del.


Terceiro criterio: practicar a xustiza é propio dos fillos

29 Xa sabedes que Cristo é xustificador; tirade, logo, de aquí a consecuencia: que todo aquel que fai o que é xusto, é fillo del.

Lean sinn:



Sanasan