1 Timoteo 6 - Biblia SEPTOs escravos 1 Todos os que están baixo o xugo da escravitude teñan ós seus propios amos por dignos da maior estima, para que non se maldiga o nome de Deus nin se desprece a doutrina. 2 Os que teñan amos crentes, non lles falten á consideración por seren irmáns; ó contrario, sírvanos mellor, por seren crentes e irmáns os que reciben os seus bos servizos. Isto é o que tes que ensinar e recomendar. As falsas doutrinas e as verdadeiras ganancias 3 Se alguén ensina outra cousa e non segue as boas palabras as do noso Señor Xesús Cristo, a doutrina conforme á verdadeira piedade, 4 faise un soberbio; non entende nada, senón que se aparva con controversias e discusións baleiras, das que nacen envexas, rifas, palabras inxuriosas e malas sospeitas, 5 discusións parvas de homes con mente corrompida, carentes da verdade, que teñen a verdadeira piedade coma unha fonte de ganancia. 6 E certamente a verdadeira piedade, cando un se conforma co que ten, é a mellor fonte de ganancia. 7 Porque nada trouxemos ó mundo e nada podemos levar del. 8 Contentémonos con ter para comer e para vestir. 9 Os que se queren facer ricos caen en tentacións e trapelas e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan os homes a perder e á ruína. 10 A raíz de todos os males é a avaricia: algúns, dominados por ela, afastáronse da fe e envurulláronse a si mesmos en moitas dores. Encomenda a Timoteo 11 Pero ti, home de Deus, fuxe desas cousas; procura a xustiza, a piedade verdadeira, a fe, a caridade, a paciencia e a mansedume. 12 Loita na fermosa competición da fe, procura a vida eterna á que te chamaron e que confesaches de maneira brillante diante de moita xente. 13 Mándocho ante Deus, que fai vivir todas as cousas, e ante Cristo Xesús, que con tan magnífica confesión deu testemuño ante Poncio Pilato: 14 garda o mandamento, sen lixo e sen tacha, ata a manifestación gloriosa do Señor noso Xesús Cristo. 15 No seu debido tempo amosarao o Deus bendito e único podente, Rei dos reis e Señor dos señores. 16 O único que ten a inmortalidade e que habita nunha luz inaccesible. A El ningún home o viu nin o pode ver. A El a honra e o poder eterno. Amén. Os ricos 17 Os ricos deste mundo mándalles que non sexan fachendosos, nin poñan a esperanza na riqueza incerta, senón en Deus, que nos dá para gozar de todas as cousas con gran abundancia. 18 Que fagan o ben, enriquecidos en boas obras, xenerosos en dar e dadivosos cos demais. 19 Así atesourarán para si un estupendo capital para o porvir e acadarán a verdadeira vida. Saúdo final 20 Timoteo, garda o depósito, evitando as lerias profanas e as obxeccións da falsa ciencia. 21 Por andaren niso algúns afastáronse da fe. A graza sexa convosco. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)