1 Timoteo 4 - Biblia SEPTAlgúns afastaranse da fe 1 O Espírito di ben claro que nos tempos derradeiros algúns se afastarán da fe e lles farán caso a espíritos mentireiros e á doutrina dos demos, 2 extraviados por raposeiros argallantes que teñen cauterizada a súa conciencia. 3 Estes prohibirán que a xente case e coma certos alimentos, sendo así que Deus os creou para que con gratitude os coman os que cren e os que coñecen a verdade. 4 Porque todo o que Deus creou é bo e nada é rexeitable, cando se come con gratitude, 5 porque o santifica a palabra de Deus e a oración. As virtudes do bo ministro de Cristo 6 Propoñéndolles estas cousas ós irmáns, serás un bo servidor de Cristo Xesús, alimentado coas palabras da fe e da boa doutrina, que con tanto coidado seguiches. 7 Rexeita as fábulas profanas e antigas, e exercítate na auténtica piedade. 8 O exercicio corporal e útil para pouco tempo; pero a piedade verdadeira é útil para sempre, porque contén a promesa da vida presente e da que está por vir. 9 Esta palabra é moita verdade e todos debían acollela: 10 para isto traballamos e loitamos, porque esperamos en Deus vivo, que é o Salvador de todos os homes e maiormente dos que cren. 11 Pregoa e ensina estas cousas. 12 Que ninguén faga pouco de ti por seres tan novo. Ti faite exemplo dos que cren: en ditos e feitos, en caridade, en fe, en limpeza. 13 Mentres non chego, dedícate á lectura, á exhortación, ó ensino. 14 Non descoides o carisma que hai en ti, que che se deu pola profecía coa imposición das mans dos "presbíteros". 15 Coida estas cousas, mantente nelas, para que todos vexan como progresas. 16 Preocúpate de ti e da doutrina; mantente en todo iso, que, facéndoo, te salvarás ti e salvarás os que che fagan caso. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)