1 Timoteo 3 - Biblia SEPTVirtudes dos "bispos" 1 Esta é palabra segura: aquel a quen lle tire o "episcopado", arela unha boa función. 2 Pero cómpre que o "bispo" sexa irreprensible, home dunha soa muller, sobrio, asisado, comedido, hospitalario, capaz para o ensino; 3 nin bebedor nin liorteiro, senón indulxente; home de paz, non amigo dos cartos. 4 Que goberne ben a propia casa e teña os fillos ben guiados, con dignidade, 5 (pois se un non sabe estar á fronte da súa familia, como vai saber coidar a Igrexa de Deus?) 6 Non neófito, para que non caia na condenación como caeu Satán, ensoberbecéndose. 7 Cómpre que teña boa sona tamén entre os de fóra, para evitar o desprestixio e que o atrape o demo. Boas maneiras dos "diáconos" 8 Da mesma maneira, que os "diáconos" sexan serios, sen retranca, nin moi amigos do viño nin dos negocios sucios, 9 conservando o misterio da fe nunha conciencia limpa. 10 Tamén a eles os hai que someter á proba primeiro; despois, se están sen tacha, que exerzan o ministerio. 11 Sexan tamén así as súas mulleres: púdicas, nin lingoreteiras nin amigas do viño, en todo de fiar. 12 Que os "diáconos" sexan homes dunha soa muller, que saiban gobernar ben os seus fillos e as súas familias. 13 Porque os que exercen ben este ministerio, adquiren para si un posto nobre e unha gran liberdade na fe que temos en Cristo Xesús. O misterio cristián 14 Escríboche isto, esperando ir onda ti axiña. 15 Por se tardar rógoche que saibas comportarte como convén na familia de Deus, que é a Igrexa do Deus vivo, columna e alicerce da verdade. 16 Estamos todos de acordo en que é grande o misterio da nosa relixión: Que se manifestou coma home, xustificou no Espírito, apareceulles ós mensaxeiros, predicáronllelo ós xentís, creu nel todo o mundo, foi exaltado na gloria. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)