Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

1 Timoteo 2 - Biblia SEPT


Hai que rezar por todos

1 Recomendo primeiro de todo que se fagan peticións, oracións, súplicas, accións de grazas en favor de todos os homes,

2 polos reis e por todos os que ocupan altos cargos, para que poidamos ter unha vida calma e serea baseada no pleno respecto mutuo e na decencia.

3 Isto é fermoso e grato a Deus noso Salvador.

4 El quere que todos os homes se salven e cheguen ó coñecemento da verdade.

5 Porque hai un único Deus e un único mediador entre Deus e os homes: o home Cristo Xesús,

6 que se entregou coma rescate por todos. Tal é o testemuño dado no tempo oportuno.

7 A min fíxome o seu pregoeiro e apóstolo digo a verdade e non minto, mestre dos xentís na fe e na verdade.


Actitude no culto

8 Por iso quero que en todos os sitios recen os homes levantando as mans limpas, sen ira nin discusións.

9 Do mesmo xeito tamén as mulleres, con vestido decente, con reverencia e modestia, que se adornen non con rizos, nin con ouro, nin margaridas, nin vestidos luxosos,

10 senón coas boas obras, como cómpre a mulleres que profesan unha piedade verdadeira.

11 A muller que aprenda en silencio e con toda submisión.

12 Non lle consinto á muller que ensine, nin domine ó home, senón que estea calada.

13 Porque primeiro crearon a Adam, despois a Eva.

14 E a Adam non o enganaron, senón que a muller se deixou enganar e caeu no pecado.

15 Salvarase, non obstante, grazas á súa maternidade, se se mantén na fe, no amor, na santidade e na modestia.

Lean sinn:



Sanasan